‘A Coruña 1930-1931. Estampas de vida e política’ da Casa Museo Casares Quiroga
Os exemplares recollen escenas da vida social e política da cidade naqueles anos
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este mércores no acto de presentación dunha colección de postais que complementa a mostra ‘A Coruña 1930-1931. Estampas de vida e política’. O acto celebrouse na Casa Museo Casares Quiroga, espazo municipal no que se poderá visitar a exposición ata o vindeiro sábado 9 de maio.
A exposición céntrase nos anos nos que se produciu o tránsito da ditadura monárquicomilitar do xeneral Primo de Rivera á proclamación do sistema parlamentario e democrático da Segunda República. Foron tempos de profundos cambios políticos, mais tamén de continuidade na vida cotiá da cidade, marcada polas súas actividades económicas, sociais, militares, educativas, culturais, relixiosas, turísticas e de lecer. “Desde o Goberno de Inés Rey estamos levando a cabo un traballo minucioso por achegar á cidadanía a vida e a contribución de moitas persoas vinculadas cos movementos sociais e a prol da democracia”, indicou Castro.
Unha parte importante das fotografías ilustra exemplos destas actividades diarias —e tamén algunhas de carácter extraordinario— protagonizadas pola veciñanza ou acontecidas na cidade herculina. As imaxes non seguen unha orde concreta xa que o seu obxectivo é ofrecer unha ollada parcial e evocadora sobre a cotidianidade coruñesa da época.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.