Inclúe o concerto de Mamá Cabra, espectáculo de música e baile tradicional e múltiples actividades infantís.
O Concello presenta a programación municipal que se vai desenvolver arredor do Día das Letras Galegas, neste ano dedicado á escritora Begoña Caamaño, cunha proposta variada pensada para todos os públicos e cun especial protagonismo para as citas centrais desa fin de semana.
Un dos grandes atractivos será o concerto de Mamá Cabra, que terá lugar o sábado 16 de maio ás 18:00 horas na praza Les Sables d’Olonne.
O recoñecido grupo galego ofrecerá un espectáculo musical infantil e familiar moi participativo, no que combina ritmos actuais con contidos didácticos, fomentando hábitos saudables e o desenvolvemento psicomotriz a través da música e do movemento.
O domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, desde as 18:00 horas, a praza Les Sables d’Olonne acollerá o espectáculo de música e baile tradicional galegos coas asociacións culturais Santa María de Torás, Arume de Caión e Queiroga de Paiosaco. Este espectáculo, xa consolidado como unha das citas imprescindibles destas datas, pon en valor a tradición cultural galega a través da música e da danza da man das principais entidades culturais do municipio.
Completan a programación unha serie de actividades dirixidas ao público infantil e familiar. O mércores 13 de maio ás 18:00 horas na biblioteca de Caión desenvolverase o contacontos sensorial No monte, de 1 Mar de Cores, unha proposta para maiores de 3 anos e as súas familias que combina narración oral, marionetas e estimulación sensorial en contacto coa natureza.
O xoves 14, tamén ás 18:00 horas, a biblioteca de Paiosaco acollerá o espectáculo, tamén para maiores de 3 anos, A gran viaxe das Letras Galegas, de A Xanela do Maxín, que propón un percorrido pola historia, a lingua e a cultura galega a través das súas voces máis representativas.
O venres 15 ás 18:00 horas, na biblioteca da Laracha, realizarase un obradoiro creativo de fundas e caderno de lectura a cargo de O Faiado de Nin. A actividade require inscrición previa a partir do 11 de maio ás 9:00 horas (en liña ou presencialmente na Casa da Cultura), e está dirixida a maiores de 6 anos empadroados.
No marco da clausura dos cursos do programa municipal de actividades 2025-2026, realizaranse as habituais exposicións dos traballos realizados polo alumnado. A da Laracha poderá visitarse no baixo da biblioteca municipal do 16 ao 19 de maio en horario de 17:00 a 21:00 horas, con inauguración o venres 15 ás 20:00 horas. As de Paiosaco (Centro Sociocultural) e Caión (Oficina de Turismo-Antiga Reitoral) estarán abertas do 22 ao 24 de maio, de 17:00 a 20:00 horas, con inauguración o venres 22 ás 17:00 horas.
Os cursos de teatro concluirán con dúas funcións na Casa da Cultura: o sábado 16 ás 20:00 horas o grupo de adultos representará Operación Barranco, e o domingo 17 ás 12:30 horas o grupo infantil porá en escena O Mago de Oz.
Ademais, o sábado 16 de maio celebrarase a tradicional Festa Homenaxe aos nosos maiores, dirixida a persoas empadroadas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 12 de maio e debe formalizarse no Edificio Administrativo da Laracha, cun prezo de 15 euros para empadroados e de 30 euros para acompañantes non empadroados.
Na organización do programa en torno ás Letras Galegas o Concello conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia, así como da Deputación da Coruña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.