A alcaldesa reuniuse coa reitora da USC, que foi recibida pola Corporación Municipal de Santiago de Compostela no Salón Nobre, onde asinou no Libro de Honra.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recibiu este mércores a nova reitora da Universidade de Santiago (USC), Rosa Crujeiras, na súa primeira visita institucional ao Concello dende o seu nomeamento. As responsables do Concello e da Universidade, respectivamente, concordaron na conveniencia de reforzar a colaboración que ambas as dúas institucións veñen mantendo nos últimos anos e en explorar novos proxectos conxuntos en beneficio da cidadanía.
A reitora e parte do seu equipo mantiveron unha reunión coa rexedora, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, e a segunda tenenta de alcaldesa, Míriam Louzao, tamén responsable municipal de Educación. Goretti Sanmartín deu a benvida ao novo equipo reitoral, ao que deu os parabéns polo seu éxito, e as forzas e a ilusión coa que están a comezar a súa andadura.
Alcaldesa lembrou que a colaboración entre o Concello e a Universidade ten sido “moi intensa” nos últimos anos e manifestou a súa intención de continuidade nos traballos iniciados en distintas áreas, sobre os que sinalou “o aproveitamento de infraestruturas, as actividades culturais, a aposta pola igualade e pola economía social e o emprendemento”. Engadiu que se activan xa as reunións tanto a nivel técnico como de responsables políticos para “darlle ese impulso a cuestións comúns”.
Goretti Sanmartín afirmou tamén que a “folla de ruta” para a futura colaboración das dúas institucións ten que ver coa transferencia de coñecemento da Universidade á sociedade, da que Concello forma parte. Nese aspecto, sinalou que xa ten sido proveitosa a asistencia sobre o novo modelo turístico e o imposto ás estadías turísticas, así como sobre o deseño de estratexias verdes na loita contra o cambio climático.
Neste sentido, a reitora afondou en que “a colaboración directa co Concello é unha canle importante para chegar ao tecido produtivo, social e cultural” a apuntou a “retos comúns que se deberán abordar conxuntamente” entre a USC e o Concello, como “a emerxencia climática e todas as cuestións de sostibilidade”.
Recepción coa Corporación Municipal
Durante a súa visita, Rosa Crujeiras foi recibida no Salón Vermello por representantes de todos os grupos da Corporación Municipal e asinou no Libro de Honra, onde deixo constancia de que “Santiago de Compostela é unha cidade universitaria porque a súa historia e a súa identidade constrúense, en boa parte, grazas á súa Universidade: unha Universidade que habita esta cidade e que lle da nome e da que enche as súas rúas de historias de vida, unha universidade que xera e transmite coñecemento; unha Universidade que debe ser vacina contra o “non lugar” en Compostela”.
A reitora da USC manifestou o seu agradecemento ao conxunto da Corporación Municipal de Santiago polo recibimento e reiterou a súa vontade de colaboración para “axudar a que Santiago progrese”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.