Wednesday 06 de May de 2026

O festival internacional +QJazz converterá A Coruña na capital do jazz entre o 12 e o 19 de xullo


A XII edición do certame reunirá grandes figuras internacionais como Victor Wooten, Camille Thurman, Toninho Horta ou Big Daddy Wilson xunto a destacados proxectos galegos e estatais

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá unha nova edición do Festival Internacional +QJazz, que celebrará a súa XII edición do 12 ao 19 de xullo de 2026 en diferentes espazos emblemáticos da cidade. O acto, que se celebrou na Sala Garufa, contou coa participación de Pepe Doré, director artístico do festival.

Ao longo de máis dunha semana, A Coruña volverá acoller unha programación musical de primeiro nivel, cun cartel que reúne grandes referentes do jazz, do blues, do funk e das músicas de raíz, combinando nomes internacionais consagrados con propostas emerxentes galegas e estatais. O festival consolídase así como unha das citas culturais máis singulares do verán na cidade.

Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou que “+QJazz é un exemplo do modelo cultural que defendemos desde o Goberno de Inés Rey, que aposta pola diversidade musical, polo impulso das salas de concertos e por achegar á cidadanía propostas culturais de alta calidade en espazos moi diversos da cidade”.

Grandes nomes do jazz internacional

O festival abrirase o 12 de xullo na Praza de Azcárraga, con Big Daddy Wilson Quartet, nun concerto inaugural de entrada libre. O recoñecido cantante e compositor estadounidense ofrecerá un directo cheo de soul, blues e raíces afroamericanas, baseado no seu último traballo discográfico.

Un dos grandes pratos fortes desta edición chegará o 14 de xullo ao Teatro Colón, coa actuación de Victor Wooten & The Wooten Brothers, nun espectáculo de alto voltaxe musical liderado por un dos baixistas máis influentes da historia contemporánea, gañador de cinco premios Grammy.

A programación internacional complétase con propostas de gran prestixio como Toninho Horta & Jorge Pardo, que actuarán o 15 de xullo no Garufa Club, combinando música brasileira, flamenco e jazz; ou Camille Thurman & The Darrell Green Quartet, o 16 de xullo no Teatro Colón, cun proxecto que representa o futuro do jazz contemporáneo a nivel mundial.

O 17 de xullo, o Jazz Filloa acollerá o concerto de Patricio Carpossi Quartet, un dos guitarristas máis recoñecidos da escena jazzística arxentina e internacional. O 18 de xullo, o Garufa Club será escenario de SEADA Quartet, formación galega integrada por algúns dos músicos novos máis prometedores da escena actual. O ciclo pecharase o 19 de xullo na Sala Mardi Gras, coa actuación de Beater Jazz Collective, grupo galego formado por músicos cunha ampla traxectoria en clubs e festivais de toda Europa.

Entradas e información

As entradas para os concertos de pago estarán dispoñibles a través das plataformas habituais (Ataquilla e Woutick), mentres que o concerto inaugural na Praza de Azcárraga contará con entrada de balde. Con esta nova edición, +QJazz reafirma o seu compromiso coa excelencia artística, coa diversidade musical e co apoio ao tecido cultural da cidade, consolidando A Coruña como un referente do jazz e das músicas afíns no contexto estatal e internacional.

Deja un comentario