Wednesday 06 de May de 2026

O PSdeG denuncia que o modelo de conciliación do Goberno de Sanmartín “vai na dirección contraria” e deixa fóra a familias en Santiago


A concelleira socialista Marta Abal critica a desaparición da rede de proximidade nos centros socioculturais e cuestiona a xestión do programa de conciliación pola súa rixidez, burocracia excesiva e exclusión dixital.

Os socialistas reclaman ao Goberno municipal que rectifique o modelo, recupere a descentralización e garanta un acceso real e equitativo á conciliación para todas as familias.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou que o modelo de conciliación impulsado polo Goberno de Sanmartín está a supoñer un claro retroceso que recorta servizos, e que, ao seu xuízo, empeora o acceso real das familias a este servizo.
Abal advertiu de que “a desaparición das prazas ofertadas nos centros socioculturais do urbano e do rural supón un cambio de modelo moi claro”, pasando “dun sistema descentralizado de proximidade repartido polo territorio a un modelo cada vez máis concentrado”. Neste sentido, alertou de que esta transformación implica “menos alternativas nos barrios, nas parroquias e con menos prazas útiles na práctica para todas as familias”, o que se traduce nunha peor capacidade de conciliación.
A concelleira socialista lembrou que o modelo anterior permitía “chegar á conciliación aos barrios, ás parroquias, evitar grandes concentracións” e “facilitar sobre todo a organización diaria das familias, reducindo os desprazamentos e facendo o servizo moito máis accesible”. Fronte a iso, criticou que o actual sistema “vai xusto na dirección contraria ao que entendemos que é o mellor para as familias”, resumindo o seu impacto en “menos descentralización, menos proximidade, menos diversidade nas propostas e máis concentración”.
Problemas no programa de conciliación
Xunto ao cambio de modelo, Abal trasladou tamén as queixas das familias pola xestión do programa municipal, advertindo de que se trata “dunha norma excesivamente ríxida que pode deixar fóra as familias”, e explicou que “o programa obriga as familias a estar dadas de alta previamente no sistema” e que “non se permiten novas altas” durante o prazo de solicitude.
Tamén denunciou a carga administrativa, criticando que se solicite documentación incluso cando “forma parte do que está no Concello de Santiago”, ademais da tramitación exclusivamente dixital o que supón “unha importante barreira de entrada”, advertiu, ao non existir alternativa presencial.
Ademais, cualificou de “bastante grave” que o Concello non aclarase a tempo a localización dalgúns servizos, sinalando que “moitas familias tiveron que pedir praza sen saber un dato básico: onde se vai prestar realmente o servizo”, incidindo en que esta situación “xera incerteza, dificulta a organización diaria”.
Un problema de modelo
Como conclusión, a concelleira socialista insistiu en que a situación vai máis alá de cuestións puntuais, xa que segundo a socialista “o problema non é só organizativo, senón tamén é un problema de modelo”, afirmou.
Así, rematou advertindo de que “a desaparición da oferta que se facía nos centros socioculturais do rural e do urbano está provocando un modelo reducido en alternativas, centralizado e que na práctica dificulta o acceso real á conciliación”.

Deja un comentario