· O goberno local levará a pleno o texto refundido e, unha vez publicado no BOP, comezarase a traballar no proxecto de compensación para delimitar a nova urbanización da zona.
· Este cambio na ordenación permitirá reforzar e completar este núcleo, dotándoo de equipamentos, espazo comercial, zonas verdes, aparcamento e mellorando o seu trazado viario.
· Ademais, proponse un novo modelo de vivenda en altura que responde as necesidades actuais.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe, martes 5 de maio, a resolución para a aprobación definitiva da modificación novena das normas subsidiarias do Concello de Bergondo, impulsada polo goberno local e que corresponde ao núcleo de Santo Cidre, na parroquia de Bergondo.
A modificación puntual de Santo Isidro nace da necesidade de reforzar e completar a trama urbana deste núcleo central de Bergondo, dotándoa de equipamentos, espazo comercial, zonas verdes e mellorando o seu trazado viario alén de propoñer un novo modelo de vivenda que responde as necesidades actuais.
Agora o goberno local levará a pleno o texto refundido coa normativa e ordenanzas definitivas desta modificación puntual. Logo, unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), o Concello comezará a traballar no proxecto de compensación que permitirá delimitar a nova urbanización da zona, coa división final de parcelas, para así empezar xa a dar luz verde ás licenzas directas de construción.
Obxectivo: completar a trama urbana de Santo Cidre
O obxectivo xeneral desta modificación puntual é o de reforzar e completar a trama urbana do núcleo de Santo Cidre dentro do sistema de centralidades de Bergondo, xunto con Guísamo e Gandarío, así como dotar de maior densidade residencial e actividade económica ao ámbito, mellorar a mobilidade e accesibilidade e integrar paisaxística e ambientalmente este espazo público.
O Concello logrará con esta operación unha reorganización do espazo. A nivel de equipamentos crearase un parque verde co triplo de superficie que o actual que servirá tanto de zona verde de proximidade, como de referencia de lecer e deporte para o conxunto da poboación. Ademais, gañarase un inmoble municipal para o que o Concello definirá posteriormente os servizos que albergará aínda que a intención actual é que se destine para albergar a biblioteca municipal e o arquivo.
Para completar as edificacións existentes destínanse tres zonas que teñen unha edificabilidade de 3.332,34 m², equivalentes a unhas 55 vivendas. Para aumentar a eficiencia na ocupación do chan e adaptándose ás demandas actuais propóñense vivendas colectivas en altura con posibilidade de baixos comerciais.
En canto aos usos terciarios, exponse a creación dunha superficie comercial de 5.348,29 metros cadrados, ao lado da estrada AC-164 e detrás da Policía Local e os xulgados, para a instalación dun supermercado. Unha infraestrutura moi demandada debido á inexistencia de zonas comerciais en Bergondo e que ademais xeraría postos de traballo directos no municipio.
Resérvanse 2.659 metros cadrados de espazo libre lindeiros ao centro de saúde e ás instalacións deportivas destinados a parques, xardíns ou áreas de lecer co obxectivo de lograr a centralidade dos espazos públicos e potenciar as sinerxías propias entre os distintos usos.
En canto á mobilidade, alén de reservar espazo para aparcamentos, recóllese un ramal de acceso da AC-164, que mellora a accesibilidade á zona de equipamentos, de xeito que desde a rotonda poida accederse polo novo ramal e logo conectar coa AC-162. Doutra banda, o vial existente ao carón da cafetería Vos Condes, manterase como peonil e de acceso a vivendas, para que o tráfico rodado concéntrese desde a AC-162 e o novo ramal de acceso. Mentres, o vial de acceso ao Concello integrarase nos terreos destinados a equipamento, eliminando o acceso directo á AC-164.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.