A distinción volverá ondear novamente no areal durante o verán igual ca noutras 118 praias galegas
A praia de Coroso volverá a lucir este verán a Bandeira Azul despois de que o Concello de Ribeira optase por concorrer a recuperar esta distinción que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) como garantía de calidade das augas, xestión ambiental e servizos para as persoas usuarias dos espazos marítimos. Coroso pasa así a formar parte das 118 praias galegas recoñecidas.
Neste senso, a alcaldesa, María Sampedro, manifesta que “cumprimos co noso compromiso de traballar para o reforzo dos atributos deste areal urbano para conseguir esta distinción e, en consecuencia, para o desfrute de bañistas e persoas que practican deporte na contorna. Optamos por potenciar tódalas calidades das que goza esta praia, un dos recursos turísticos naturais por excelencia de Ribeira.”
O municipio ribeirense tamén obtivo a finais do ano pasado, por cuarta vez consecutiva, a Bandeira Verde de Galicia que concede a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático polas boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe; un galardón que tamén ondea no paseo marítimo da referida praia. Este recoñecemento fundamentouse en dez proxectos que versan sobre a ordenación do territorio; a protección do medio ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e accións de sensibilización e comunicación.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.