O Concello acolle a fase intermedia norte do Campionato Galego de Fútbol-8 con 30 equipos e máis de 400 xogadores nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín.
O Concello da Laracha converterase este sábado, 9 de maio, nun dos grandes epicentros do fútbol base galego coa celebración da fase intermedia da zona norte do Campionato Galego de Fútbol-8 da temporada 2025-2026 nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Os encontros disputaranse nos campos Municipal da Laracha e A Porta Santa de Paiosaco.
O torneo estará organizado pola Federación Galega de Fútbol e o Concello co apoio da U.D. Paiosaco e do Club do Mar de Caión para o desenvolvemento da xornada tanto a nivel deportivo como loxístico.
A competición contará coa participación de 30 equipos —dez por categoría— e unha previsión de arredor de 420 xogadores. En cada nivel configuráronse no sorteo realizado hoxe dous grupos de cinco equipos que competirán nunha liga a unha volta, accedendo ás semifinais os dous mellores clasificados de cada grupo. A distribución territorial dos conxuntos reflicte a diversidade do fútbol base galego, con tres equipos da zona da Coruña, un da Costa, un de Ferrol, tres de Santiago e dous de Lugo en cada categoría.
A presentación oficial do evento tivo lugar hoxe, nun acto encabezado polo alcalde, José Manuel López Varela, e polo presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, ademais doutros representantes municipais, federativos e dos clubs colaboradores.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou a relevancia do evento para o municipio: “O próximo sábado A Laracha vaise converter nunha das capitais galegas do fútbol base”, agradecendo á Federación que “pensara na Laracha para organizar este torneo”. López Varela tamén puxo en valor o impacto positivo da cita tanto a nivel deportivo como económico, subliñando a chegada de numerosos visitantes tanto á Laracha como a Paiosaco para presenciar o evento.
O presidente da Federación Galega de Fútbol animou á cidadanía a acudir aos campos para poder ver aos maiores talentos emerxentes do fútbol galego, aventurando que “seguramente muchos de los niños que van a disputar esta fase intermedia, en el futuro serán jugadores profesionales, y cuando pasen muchos años esos niños recordarán que un campeonato gallego lo jugaron en A Laracha”. Pablo Prieto tamén incidiu na dimensión social do evento, destacando a mobilización de centos de persoas entre xogadores, técnicos e familias, e o retorno que iso supón para o municipio e o impacto que terá no sector servizos durante toda a xornada.
Esta fase intermedia da zona norte na Laracha complementarase coa correspondente á zona sur, que terá lugar en Gondomar.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.