Tuesday 05 de May de 2026

Gonzalo Muíños reclama un plan de choque en seguridade e un pacto local ante o incremento da conflitividade en Santa Marta


• O concelleiro non adscrito pide máis presenza policial nas zonas de Santa Marta e A Choupana, coordinación institucional e unha comisión permanente con participación veciñal

• Muíños, xunto a Mila Castro e Mercedes Rosón, mantiveron un encontro coa Plataforma Santa Marta Segura

Gonzalo Muíños anunciou este martes a presentación dunha nova batería de propostas ao pleno municipal para dar unha “resposta urxente” ao incremento da conflitividade e da sensación de inseguridade en distintos barrios da cidade, con especial atención ás zonas de Santa Marta e A Choupana.

A iniciativa chega despois dunha nova reunión coa Plataforma Santa Marta Segura na que participaron tamén Mercedes Rosón e Mila Castro. Un encontro no que, segundo Muíños, a veciñanza trasladou “cansazo ante promesas reiteradas que non se materializan” e reclamou maior coordinación, presenza efectiva das forzas de seguridade e medidas concretas. O edil advirte de que a situación “non responde a unha percepción illada, senón a unha realidade prolongada no tempo sen respostas eficaces”.

Muíños lembra que en febreiro de 2025 o Pleno aprobou unha proposta impulsada por el mesmo para avanzar nun Pacto Local pola Seguridade e a Convivencia, pero denuncia que “máis dun ano despois non hai avances efectivos nin medidas estruturais”. Neste sentido, critica que, malia as declaracións públicas realizadas no seu momento pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a cidadanía “segue sen ver resultados”.

O concelleiro sostén que, aínda que houbo unha lixeira mellora coincidindo co foco mediático e institucional, esta foi “puntual e non sostida”, e asegura que nos últimos meses se produciu un novo incremento da conflitividade, especialmente na contorna do coñecido como o “Banco do Pobre”.

A proposición que defenderá no Pleno inclúe cinco medidas principais: a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade; a elaboración inmediata dun plan de choque con reforzo policial e actuacións preventivas; a solicitude ao Ministerio do Interior de máis recursos para a seguridade cidadá; a creación dunha Comisión Permanente de Seguridade e Convivencia con participación institucional e veciñal; e a elaboración dun Pacto Local con medidas concretas, avaliables e calendarizadas.

Muíños subliña que a problemática “non se limita a un único barrio”, senón que afecta ao conxunto de Santiago de Compostela, e advirte de que “non abonda con insistir en que a cidade é segura se a percepción cidadá vai noutra dirección”. Ao seu xuízo, a seguridade e a convivencia “son dereitos fundamentais” que requiren unha resposta integral, coordinada e sostida no tempo.

Con esta iniciativa, o edil busca reactivar o compromiso institucional e situar a seguridade como unha prioridade na axenda municipal, apostando por unha actuación “á altura das circunstancias”: “entre o discurso alarmista duns e o autocomplaciente doutros, existe un punto intermedio que é o do sentido común e o de actuar antes de que o problema vaia a máis” concluíu.

Deja un comentario