A concelleira socialista Marta Abal critica a falta de execución das ofertas de emprego público e advirte do impacto directo na calidade dos servizos básicos.
O Grupo Municipal Socialista alerta do risco de colapso en distintos departamentos municipais, con consecuencias como a falta de efectivos en bombeiros, atrasos en urbanismo, sobrecarga en servizos sociais ou deficiencias no mantemento de parques e xardíns.
As e os socialistas esixen a convocatoria inmediata dos procesos selectivos pendentes e reclaman responsabilidade ao Goberno de Sanmartín.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denunciou o incumprimento dos compromisos adquiridos polo Goberno da señora Sanmartín en relación á cobertura de prazas no Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, advertindo das consecuencias que esta situación está a ter no funcionamento ordinario do Concello.
Abal lembrou que no pleno de novembro de 2025 o executivo local se comprometeu a convocar antes de final de ano os procesos selectivos para cubrir 12 prazas vacantes neste servizo esencial, pero “ben avanzado 2026, a realidade é que só está publicado o anuncio das bases para tres desas prazas”, sinalou, evidenciando o incumprimento dos prazos comprometidos.
A concelleira socialista advertiu de que esta situación non é un feito illado, senón que “o Goberno de Goretti Sanmartín non só está incumprindo a súa palabra, senón que tampouco avanzou na execución das ofertas de emprego público de 2023, 2024 e 2025”, afirmou, alertando do risco de caducidade destas convocatorias e do conseguinte atraso nos procesos selectivos.
Neste sentido, Abal puxo o foco nos datos globais de emprego público municipal, “das 93 prazas ofertadas, sen contar as da Policía Local, só se convocaron 21 e todas elas de promoción interna”, indicou, subliñando a falta de incorporación de novo persoal á administración local. “Estamos a falar dunha mala xestión que afecta ao funcionamento do Concello e que está a ralentizar de maneira evidente o necesario relevo xeracional da administración municipal”, advertiu.
Ademais, lembrou que esta situación xa tivo efectos graves durante o pasado ano, incidindo en que “no 2025 chegouse na práctica ao peche do parque de bombeiros, e iso é unha consecuencia directa da falta de planificación e de previsión”, alertando de que a falta de persoal afecta tamén a outros ámbitos clave da administración municipal, xa que “non estamos falando só de bombeiros” senón que se trata dunha situación “afecta a postos da Administración xeral e da Administración especial, en áreas como urbanismo, obras, servizos sociais ou parques e xardíns”.
A concelleira socialista insistiu en “as prazas están ofertadas, os servizos necesitan persoal e a veciñanza precisa un Concello que funcione”, polo que concluíu esixindo ao executivo municipal “planificación, xestión e responsabilidade, o Goberno de Goretti Sanmartín debe convocar xa os procesos pendentes e garantir o funcionamento dos servizos públicos”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.