Tuesday 05 de May de 2026

A Xunta destaca a aposta dos concellos por mellorar a xestión dos residuos domésticos ao rexistrar este ano un 27% máis de solicitudes de axudas con este fin


— Ángeles Vázquez salienta que a boa acollida obedece tanto á maior concienciación e sensibilidade dos municipios neste eido como ás melloras incluídas na convocatoria para chegar ás entidades locais pequenas e con menor capacidade financeira

— En 2026 incorporáronse novidades como a eliminación da achega económica do 10% do proxecto que debían facer os concellos ou o feito de que o IVE é subvencionable

— A responsable autonómica explica que o Executivo galego está a avaliar as preto de 420 solicitudes recibidas co fin de resolvelas canto antes e que as administracións locais poidan mellorar as súas infraestruturas e equipamentos, unha actuacións para as que se habilitou un orzamento de máis de 5,1 M€

— O Concello de Paderne beneficiouse o ano pasado dunha achega de 81.000 euros para a adquisición dun punto limpo móbil co que facilitar a recollida de distintos refugallos especiais que non poden depositarse nos contedores convencionais

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o punto limpo móbil do Concello de Paderne, onde salientou que a aposta dos municipios galegos por introducir melloras na xestión dos residuos domésticos é cada vez maior. Así o demostra, salientou, a convocatoria de axudas con este fin da Xunta de Galicia, que este ano recibiu un 27% máis de solicitudes que o ano pasado, con preto de 420, deixando claro o compromiso das entidades locais coa introdución de avances na xestión dos distintos refugallos.
A responsable autonómica puxo en valor que esta boa resposta obedece á maior concienciación e sensibilidade dos responsables municipais neste eido, pero tamén ás melloras introducidas na orde a axudas de 2026, froito da experiencia acadada en anos anteriores, co fin de chegar aos concellos pequenos e con menor capacidade financeira.
Neste sentido, a conselleira destacou novidades como a eliminación da achega económica obrigatoria do 10% que debían facer os municipios -agora asume a Xunta o 40% do investimento e o 60% con recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)- e o IVE é subvencionable. A maiores, nesta convocatoria establecéronse uns importes máximos fixos por proxecto, iguais para todos os concellos, e introduciuse un criterio relacionado coa poboación na valoración que favorece aos de menor tamaño co obxectivo de acadar unha maior equidade territorial.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, explicou que nestes momentos se están a avaliar esas preto de 420 solicitudes co fin de resolvelas canto antes e que as entidades locais poidan mellorar as súas infraestruturas e equipamentos para a xestión dos residuos de orixe doméstica. En total o orzamento posto a disposición dos concellos na convocatoria de 2026 ascendeu a 5,1 millóns de euros distribuídos en sete liñas de financiamento coas que avanzar cara a un modelo de economía circular a nivel local.
De feito, subvenciónanse distintas medidas que teñen como fin avanzar na xestión dos biorresiduos, dos residuos téxtiles, modernizar e mellorar os puntos limpos fixos e móbiles e avanzar na dixitalización dos servizos municipais de recollida do lixo.
Achega a Paderne
Nesta liña, puxo en valor o exemplo de concellos como o de Paderne, que solicitou o ano pasado unha axuda para adquirir un punto limpo móbil e recibiu 81.000 euros da Xunta. Grazas a ela, a veciñanza do municipio conta desde finais de 2025 co servizo itinerante deste vehículo 100% eléctrico que facilita a recollida selectiva de distintas fraccións domésticas que non poden depositarse nos contedores convencionais como pilas, fluorescentes, plásticos, madeira, metais ou residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), entre outros.
Deste xeito, os preto de 2.500 habitantes deste municipio coruñés poderán entregar este tipo de lixo preto dos seus fogares, sen necesidade de realizar grandes desprazamentos e facilitando a reciclaxe e correcta clasificación de residuos.

Deja un comentario