Monday 04 de May de 2026

Crisanto Poveda Gallego enche a Galería do Concello coa súa mirada sobre a paisaxe da comarca


A Galería do Concello de San Sadurniño será ata o próximo 29 de maio o lugar onde poderemos descubrir o universo creativo de Crisanto Poveda Gallego. E é que este mestre xubilado que puxo escola no CPI San Sadurniño, volve onda nós para expor unha escolma da súa obra, na que é a súa primeira grande mostra individual no noso concello. Nela ofrece un percorrido visual por preto de trinta espazos da costa e o interior reflectidos en óleos de grande formato. Pezas de temática variada onde o protagonismo absoluto recae nas paisaxes da nosa comarca. Veciñanza e visitantes poderán gozar desta colección de luns a venres nos horarios de apertura das oficinas municipais.

Crisanto Poveda, aínda que se define como un pintor eminentemente autodidacta, conta cunha sólida formación adquirida inicialmente durante os seus estudos de bacharelato e na escola de
Maxisterio da Coruña. Alí recibiu o maxisterio de figuras tan recoñecidas como D. Jose Leyra e D. Tomás Barros. Posteriormente, a súa curiosidade artística levouno a iniciarse na técnica da acuarela da man de Francisco Rey en Ferrol, Manuel Gandullo nas Pontes e Manuel Carballeira en Narón, consolidando un estilo propio que ata fin de mes poderemos admirar na galería do primeiro andar do Concello.

Aínda que o artista domina técnicas como a acuarela e o acrílico, nesta escolma presentada en San Sadurniño predomina o uso do óleo. A través desta técnica, Poveda consegue dotar ás súas obras dunha textura e luminosidade especial, ademais de conferirlles unha factura que el mesmo describe como “de fácil lectura para o espectador”. As súas pinceladas buscan non só representar a realidade, senón transmitir a tranquilidade e a beleza dos espazos naturais que nos rodean, convertendo cada lenzo nunha fiestra aberta ao noso territorio máis próximo.

Un dos grandes atractivos da exposición é, precisamente, a súa conexión directa co territorio de San Sadurniño, xa que entre as pezas expostas o público poderá identificar algún espazo do municipio, retratado coa sensibilidade de quen coñece ben a xeografía local por ser de Narón e por ter sido mestre no CPI durante varios anos. Esta vinculación coa zona é unha constante en Poveda pola temática, pero tamén pola súa colaboración en proxectos culturais, entre outros o pintado do mural da escola de Taraza canda o alumnado dese centro rural valdoviñés.

Membro activo do grupo pictórico Narart, Crisanto Poveda participou anteriormente en numerosas exposicións colectivas en localidades como Ferrol, Valdoviño, Neda e incluso aquí, en San Sadurniño, a onde volve agora cun monográfico da súa obra.

A exposición permanecerá na Galería municipal até o próximo 29 de maio. Pode visitarse de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas.

Deja un comentario