O Concello de Oleiros ten programado para este sábado unha obra de teatro sobre Begoña Caamaño, homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas. Begoña Caamaño: o transgredir das ondas é unha obra da compañía Berrobambán, con texto de Paula Carballeira e dirixida por Chiqui Pereira, financiada pola Rede de Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A entrada é gratuíta con invitación, que se repartirá desde 30 minutos antes do espectáculo. A obra comeza ás 20:30 horas, no auditorio do centro cultural A Fábrica, en Perillo.
Trátase dunha peza unipersoal de Berrobanbán que reivindica a condición de xornalista radiofónica de Begoña Caamaño abordando temas fundamentais na súa obra como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade e implicación cos problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos e a importancia da liberdade de expresión no xornalismo. Na peza, unha xornalista recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e decide realizar a gravación dun podcast en directo para expoñer algunhas das facetas menos coñecidas da escritora
A partir da relación entre as anotacións no diario e os diferentes momentos da vida profesional de Begoña, vaise reconstruíndo ante o público a traxectoria dunha creadora excepcional, implicada co feminismo e cos diversos movementos sociais nos que participou. Porén, durante a gravación deste podcast aparecerán diversos problemas técnicos que transformarán as ideas iniciais da xornalista e influirán de forma decisiva no seu relato, como se o propio espírito de Begoña quixese puntualizar algunhas das pasaxes narradas e, ao igual que as protagonistas das súas novelas, ser dona da súa historia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.