Monday 18 de May de 2026

SAN MARCOS 2026 EN NOIA: O REXURDIR DUNHA FESTA EMBLEMÁTICA CO CABALO COMO GRAN PROTAGONISTA


A vila prepárase para tres días inesquecibles de tradición, espectáculo e participación popular, cunha programación renovada que reforza a Feira Cabalar e sitúa a Noia no epicentro festivo de Galicia

Noia ultima os preparativos para celebrar unha nova edición de San Marcos 2026, unha das citas máis destacadas do calendario festivo local, que terá lugar os días 24, 25 e 26 de abril. A vila converterase durante toda a fin de semana nun punto de encontro para veciños, visitantes e amantes do mundo do cabalo, cunha programación ampla, diversa e pensada para todos os públicos.

O eixo central da celebración será, un ano máis, a Feira Cabalar, recuperando e potenciando tradicións profundamente arraigadas na identidade local. Entre as actividades máis destacadas figuran a ruta cabalar ata a capela de San Lázaro, o curro de cabalos salvaxes que percorrerán o centro da vila e iniciativas como o bautismo hípico, dirixido especialmente ao público infantil. A programación complétase con exposicións, concursos e outras propostas vinculadas ao sector ecuestre.

A música terá tamén un papel protagonista, con actuacións de primeiro nivel que garantirán o ambiente festivo durante toda a fin de semana. Polo escenario pasarán formacións recoñecidas como Paris de Noia, Nueva Línea, Trébol ou New York, xunto ao grupo local Carabela e a mítica banda La Guardia. Ademais, o público poderá gozar de sesións como Chocolate Disco Móbil, a proposta Remember Noia (anos 80-90) con DJs locais, así como dunha sesión vermú o sábado 25 a cargo de Bouba e Trébol.

O programa inclúe tamén citas imprescindibles da tradición popular galega, como a foliada, o petardeo, as dianas e alboradas interpretadas polos Salgueiriños, así como a participación da Banda de Música de Noia, que contribuirán a encher as rúas de ambiente festivo e identidade cultural.

San Marcos 2026 reafírmase así como unha festa que combina tradición e modernidade, consolidándose como un evento de referencia na comarca e un importante reclamo turístico. Dende a organización convídase á veciñanza e a todas as persoas visitantes a participar activamente e a desfrutar dunha celebración única que volve poñer en valor o patrimonio cultural e festivo de Noia.