A sesión ordinaria celebrada esta mañá serviu tamén para dar o impulso definitivo ás expropiacións para o aparcadoiro de Razo
O Concello de Carballo deu hoxe un paso máis para reforzar o mercado da vivenda no casco urbano. A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente para o remate das obras nun edificio situado na rúa Enrique Labarta Pose, que quedara parado por mor da crise inmobiliaria.
O proxecto inclúe a finalización dun bloque que contará con 19 vivendas, 20 prazas de garaxe e 21 rochos. Cun orzamento de execución material de 1.448.241,01 €, a actuación permitirá culminar unha obra relevante para a configuración urbanística da zona e ofrecer novas opcións residenciais no corazón de Carballo.
Outro dos puntos centrais da orde do día foi a aprobación definitiva do proxecto de expropiación de bens e dereitos da etapa 1 do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións (PEPID) de Razo-Arnados. Este avance administrativo permite seguir co cronograma para dotar a esta zona costeira de mellores servizos e protección ambiental, utilizando o sistema de taxación conxunta para a adquisición dos terreos necesarios.
O acordo de hoxe refírese á construción dun aparcadoiro e das vías circundantes. A superficie total é de 11.164 metros cadrados de terreo, clasificado no PXOM como solo rústico de especial protección agropecuaria e parcialmente incluídos na zona de policía dun rego. En concreto, o aparcadoiro ocupará 5.162 metros cadrados, e as tres vías proxectadas, 6.002 metros cadrados. O Concello de Carballo ten consignada para a adquisición deste solo unha partida de 91.433,16 euros.
Axudas para o deporte e o tecido social
O goberno municipal aprobou unha batería de subvencións nominativas e convenios para o financiamento de actividades durante o exercicio 2026:
• Escolas Balonmán Xiria: 4.500 € para a organización do X Torneo Handball Festival.
• Escola Basket Xiria: 6.500 € para o desenvolvemento do 12º día do Pequebasket 2026.
• ADC Voleipraia Costa da Morte: 6.000 € para o funcionamento das Escolas deportivas voleipraia 2026.
• Escola Lubiáns de Hockei e Patinaxe: 3.500 € destinados ao VI Torneo 3×3 Hockei Carballo.
• S.D. Sofán: 3.000 € para o Torneo Fútbol Base SD Sofán.
• Club Ciclista Carballo: 9.000 € para a organización da VIII Challenge Junior Concello de Carballo.
• Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo: Aprobouse un convenio de colaboración para o mantemento e funcionamento da agrupación durante o ano 2026, cun importe de 25.000 €.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.