Monday 04 de May de 2026

O Goberno do Estado confirma ao BNG que non hai trabas legais para construír a residencia de Coroso, onde xa se investiron 800.000€


A formación nacionalista denuncia que a Xunta mente e que empregou a residencia de maiores como arma política para asumir a Alcaldía de Ribeira.

Os nacionalistas demandan que o proxecto se execute de inmediato en Coroso para non tirar ao lixo 800.000 euros de cartos públicos.

O BNG compareceu hoxe en rolda de prensa para desvelar o que cualifican como unha “sabotaxe política” orquestrada polo Partido Popular empregando a Xunta de Galiza contra os veciños e veciñas do municipio cando se paralizou a residencia pública de maiores no lugar das Saíñas. Segundo os datos e documentos expostos pola formación, o Goberno galego paralizou de xeito deliberado a construción da residencia pública de maiores de Ribeira, baixo un cambio normativo que o Estado confirma que non existe, co único obxectivo de desgastar ao goberno de Luís Pérez e forzar un cambio na Alcaldía para que a recuperar o Partido Popular.

A viceportavoz do grupo parlamentario Olalla Rodil, a deputada Rosana Pérez e o exalcalde e portavoz Luís Pérez explicaron o modus operandi da Xunta para armar unha estratexia que lles devolvería a Alcaldía ao PP sen importarlles que no camiño prexudicaran o benestar da poboación ribeirense. A cronoloxía do proxecto evidencia unha estratexia de uso partidista de institucións como a Xunta. O que en 2021 foi anunciado por Alberto Núñez Feijóo como o “Km Cero” do novo modelo de residencias, avanzou a bo ritmo mentres se realizaban os investimentos: 300.000 euros no derrubo da antiga discoteca Hesta Kurva e outros 400.000 euros na redacción dun proxecto técnico que estaba listo xa en 2024, ademais dos 100.000€ da adquisición da parcela. Porén, no momento en que os técnicos da Consellaría e do Concello traballaban para ter o proxecto listo para licitar en 2025, o proxecto quedou bloqueado inexplicablemente en Augas de Galiza que non emitiu o seu informe sectorial.

En maio de 2025, a conselleira de Política Social enviou unha carta ao entón alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, afirmando que o proxecto era inviable por un suposto cambio normativo do Ministerio para a Transición Ecolóxica derivado das riadas de Valencia. Tras meses de traballo en diversas institucións, o BNG demostrou hoxe que esta escusa é unha falsidade absoluta. “Tras presentar varias iniciativas no Congreso, o Goberno do Estado confirmou oficialmente en dúas respostas que non existía nin existe ningunha modificación legal que impedise construír na parcela de Coroso e que nunca se instou á Xunta a paralizar proxecto ningún por este motivo. Esta confirmación política coincide co informe asinado polo arquitecto municipal en xuño de 2025, no que se ratificaba que non hai norma ningunha que prohiba construír a residencia nese terreo” detallou o exalcalde.

A proba definitiva da manobra política chegou coa moción de censura do pasado mes de outubro. Mentres durante un ano a Xunta insistiu en que era “técnicamente imposible” manter o proxecto e negábanse a manter unha reunión co alcalde e con persoal técnico do Concello de Ribeira tal e como se solicitaba e se acordou en pleno. Foi logo da moción de censura, tan só cinco días despois de que o PP recuperase a Alcaldía cando a conselleira de Política Social si aceptou reunirse coa alcaldesa do PP anunciando o “desbloqueo” da infraestrutura. “Este movemento demostra que o único impedimento para a residencia non era a normativa hidráulica, senón o interese político do PP de recuperar a Alcaldía de Ribeira” denunciou Pérez Barral.

As consecuencias destas “artimañas” son nefastas para a veciñanza e o interese público. O cambio de localización que agora pretende aprobar o PP supón tirar directamente ao lixo máis de 800.000 euros de diñeiro público xa executados en compra da parcela nas Saíñas, derrubo da antiga discoteca e proxecto construtivo que quedarían inservibles. Ademais, esta manobra implica un atraso considerable para unha infraestrutura necesaria para as persoas maiores que, de seguir os plans previstos, podería estar este mesmo ano en construción.

Dende o BNG esixen que se deixe de usar as institucións como Augas de Galiza e e Xunta para satisfacer fins partidistas e electoralistas. “Basta xa de xogar coa vida das persoas maiores, demandamos que se retome de inmediato o proxecto de Coroso, xa que non existe ningunha traba legal que o impida e por situarse nun espazo máis axeitado conectado con transporte público e con acceso ao paseo marítimo e non illa ás persoas maiores no monte tal e como pretende facer o Partido Popular”.

“Ribeira non merece ser castigada nin utilizada como moeda de cambio nunha chantaxe política onde o PP priorizou os seus intereses electorais sobre o benestar da poboación e a xestión responsable dos recursos públicos. Fronte estas estratexias partidistas, eu vou seguir defendendo e traballando polo benestar da veciñanza” concluíu Pérez Barral.

Promesas e orzamentos incumpridos dende 2022

A deputada Olalla Rodil Fernández, denunciou o incumprimento sistemático da Xunta de Galiza respecto á construción dunha nova residencia de maiores en Ribeira, un proxecto anunciado reiteradamente polo Partido Popular como un referente do novo modelo de coidados post-pandemia. Rodil sinalou que, malia que entre os anos 2022 e 2025 se incluíron partidas orzamentarias que sumaban máis de 17,9 millóns de euros sobre o papel, estas desapareceron nos orzamentos de 2026. A deputada alertou de que os fondos europeos vinculados ao proxecto teñen como data límite de execución agosto de 2026, polo que a súa retirada implica o abandono da obra. Así mesmo, criticou a opacidade da Consellería de Política Social sobre o destino deses cartos e contextualizou a gravidade da situación afirmando que o 80% das 25.000 prazas residenciais en Galiza son privadas, o que obriga a moitas persoas dependentes a pagar custos inasumibles ante as listas de agarda para as prazas públicas, que poden superar os dous anos. “Moitas persoas agardan entre un ano ou dous para acceder a unha praza de residencia de maiores, é triste dicilo pero teñen que agardar a que alguén morra para poder acceder a este servizo” declarou.

Pola súa banda, a parlamentaria Rosana Pérez centrou o seu discurso na deficiencia de servizos públicos na comarca do Barbanza, lembrando que a promesa da residencia de Ribeira foi realizada por Alberto Núñez Feijóo en 2021, tras abrazar como se fose propio o acordo plenario impulsado polo BNG na Corporación Municipal de Ribeira. Pérez destacou que actualmente só existe unha residencia pública na zona, situada na Pobra do Caramiñal, que conta con 48 prazas e 40 anos de antigüidade, e dúas de xestión privada, cifra insuficiente para unha comarca de 67.000 habitantes con máis de 15.000 persoas maiores de 65 anos. Pérez Fernández denunciou que a Xunta incumpriu o calendario previsto, que fixaba o inicio das obras en xuño de 2024, e acusou á Consellería de Política Social de mentir ao xustificar a cancelación do proxecto nas Saíñas baseándose nunha lexislación estatal inexistente.

A deputada incidiu en que a conselleira de Política Social o que fai é impedir que a cidadanía poida acceder a un dereito básico como é o de poder ter unha vellez digna e recursos que poidan coidarnos na etapa final da nosa vida por iso anunciou que o BNG presentará novas iniciativas parlamentarias para esixir transparencia sobre os informes técnicos e forzar a execución deste servizo esencial para a comarca.

Deja un comentario