Os atletas Amador Pena Torreira (C.D. Vagalume Energía) e Elena Matalobos Redondo (Sociedade Deportiva Barbantia Roda) foron os gañadores absolutos da cuarta edición da Carreira Pedestre Concello de Oroso, celebrada na tarde deste sábado e na que participaron un total de 543 corredores: 156 na competición absoluta e 387 nas outras categorías. Uns atletas que contaron co alento de centos de veciños e veciñas de Oroso, que aproveitaron o bo tempo para gozar dunha tarde de deporte e para aplaudir o esforzo dos corredores.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosouse moi satisfeito co resultado da proba e agradeceu a todos os atletas a súa participación. Ademais destacou o gran traballo desenvolto tanto pola Federación Galega de Atletismo como polos voluntarios de Protección Civil, Cruz Vermella, os membros da Policía Local e os ciclistas do club Tambre-Bike, que fixeron que a proba se desenvolvese sen ningún incidente.
Resultados absolutos
A IV Carreira Pedestre Concello de Oroso contou coa participación de 156 atletas na proba absoluta, seis máis ca na edición de 2015. Unha competición que foi dominada dende o principio e con moita comodidade por Amador Pena Torreira, que entrou na meta cun tempo de 34 minutos e 26 segundos, cunha vantaxe de máis de medio minuto sobre o segundo clasificado. De feito, Amador Pena mesmo diminuíu o ritmo da súa carreira na recta de meta, na que entrou da man da súa filla, que ao final da proba sería quen recollería o trofeo.
O segundo clasificado foi Sergio Requeijo Requeijo, cun tempo de 35 minutos e 8 segundos. O terceiro posto foi para Xosé Manuel Penas Varela, da A.D. Cerne, cun tempo de 35 minutos e 15 segundos.
A gañadora da proba absoluta feminina foi a atleta Elena Matalobos Redondo (Sociedade Deportiva Barbantia Roda), que chegou no posto número 73 da xeral cun tempo de 42 minutos e 32 segundos. O segundo posto foi para Silvia García Lorenzo (Club Atletismo Noia), cun tempo de 43 minutos e 9 segundos. Completou o podio unha habitual nesta carreira: María José Grobas Garaboa (Club Atletismo Boimorto), cun tempo de 44 minutos e 31 segundos. Deste xeito, a atleta cercedense suma un novo podio nesta proba, onde xa foi segunda nas edicións de 2013 e 2014.
A entrega de premios estivo presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Entregaron os premios o deputado provincial e concelleiro de Protección Civil, Antonio Leira; e os concelleiro de Deportes, Luís Rey; de Ensino, Beatriz Rodeiro; e de Vías e Obras, Eduardo Veiras; de Turismo, Vanesa Boo; e de Muller, María del Carmen Liste.