Monday 04 de May de 2026

O plan de mellora dos centros cívicos avanza coa reapertura da biblioteca municipal dos Rosales


A actuación está encuadrada dentro da renovación das instalacións do centro que está a levarse a cabo, na que o Concello investiu más de 313.000 euros

O Concello leva investido máis de 1,7 millóns en renovacións e melloras nos diferentes centros cívicos

A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe a Biblioteca Municipal no centro cívico dos Rosales, que reabriu despois das actuacións de mellora e mantemento que obrigaron a facer un peche temporal desta área das instalacións. A actuación foi parte da remodelación integral que está a levarse a cabo na totalidade do edificio do centro cívico, na que o Concello investiu 313.172,96 euros. Rey estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

A biblioteca beneficiouse dunha posta a punto que liquidou os problemas de filtracións e humidades que tiña o recinto. Non obstante, a pesar do peche, o persoal mantivo activo algúns dos talleres e outros servizos como os préstamos. “Teño que agradecer moi especialmente ao persoal bibliotecario que conseguiu manter moitos dos servizos do centro a pesar das obras. Todo grazas á súa dedicación e o seu amor polo seu traballo e pola educación e divulgación da lectura”, apuntou a alcaldesa. Coa reapertura definitiva, todas estas prestacións volverán a operar con normalidade.

Os traballos en marcha no centro cívico, que rematarán proximamente, inclúen a substitución da cuberta deteriorada, a instalación dun novo sistema de impermeabilización en toda a superficie, a creación dunha rede de recollida de augas pluviais e a reposición dos acabados exteriores e das varandas de protección, a reposición do acabado do pavimento na praza superior, a eliminación definitiva e corección das humidades que afectaban á sala da planta superior e á biblioteca e a recuperación da praza cuberta como espazo público para o barrio, entre outras renovacións.

O proxecto está encadrado nun plan máis amplo para a posta en valor dos centros cívicos dos barrios da cidade, no que o Concello leva investido máis de 1,7 millóns de euros. Baixo o paraugas desta estratexia tamén se inclúen as intervencións nos centros de Labañou, San Diego, O Castrillón e as obras (temporalmente aprazadas para no interferir coa programación sociocultural) na Escalinata de Santa Lucía.

Centros renovados para barrios renovados

O proxecto no centro cívico de Labañou supón o investimento de máis de 700.000 euros para resolver problemas de desgaste e filtracións, mellorar as instalacións enerxéticas e de iluminación e aumentar a comodidade do edificio, a falta dunha segunda fase de remodelación que acometeremos proximamente, e é un dos puntos principais na folla de ruta para a mellora do barrio.

En San Diego o desembolso municipal foi de máis de 200.000 euros para restaurar e protexer os elementos máis expostos ao deterioro, adecuar os espazos ao uso cidadán e prologar a vida útil e a salubridade do centro.

Así mesmo, no Castrillón son case 350.000 euros para a zona da biblioteca e na instalación de climatización na sala infantil, resolvendo os problemas de desgaste estrutural, as deficiencias de mantemento e adaptando as instalacións a estándares modernos de climatización.
“A mellora de todos e cada un dos barrios da cidade é a gran bandeira deste Goberno municipal, e os centros cívicos, que son o corazón que crea identidades e estreita lazos veciñais, son unha parte fundamental dese proxecto de transformación que queremos completar para seguir no camiño cara a unha Coruña mellor, máis moderna, máis sostible e máis inclusiva”, rematou a alcaldesa.

Deja un comentario