Monday 04 de May de 2026

Obradoiro de cómic con Inés Vázquez para festexar o Día dos Museos en Fene


Os participantes achegaranse ao mundo da banda deseñada da man da autora de Severina e a raíña dos trasnos e Aldara. A lenda do cervo branco

O Museo do Humor Xaquín Marín abre o prazo para apuntarse ao obradoiro de cómic que impartirá a autora de cómic e ilustradora Inés Vázquez (A Coruña, 1993). A actividade, dirixida a mozas e mozos a partir dos 8 anos e persoas adultas, terá lugar no propio museo o luns 18 de maio, a partir das 18 horas. As inscricións, de balde, deberán realizarse enviando un correo electrónico a museodohumor@fene.gal, indicando nome e apelidos, idade e teléfono de contacto. O número de prazas é limitado (15), cubríndose estas por rigorosa orde de inscrición ate completar o aforo. Actividade organizada co gallo da conmemoración do Día dos Museos 2026.

Estruturado nunha parte teórica e noutra práctica, o obradoiro comezará cun achegamento ao proceso creativo dunha banda deseñada desde cero: guión, storyboard, composición de páxina, así como aos recursos gráficos e narrativos que ofrece este sorporte. A continuación, as/os participantes deberán trasladar un clip dun filme de animación a unha páxina de banda deseñada empregrando os recursos narrativos e gráficos expostos na parte teorica. Terán total liberdade creativa para cambiar os personaxes ou crear elas/es mesmos una historieta curta que non teña nada que ver co clip se así o desexan.

Inés Vázquez é autora de cómic e ilustradora. Ten ademais experiencia como artista de layout 2D en Lighthouse Studios (If you give mouse a cookie (temporada 2)-The Bob´s Burguers Movie) e como artista 2D (Videoxogo educativo Misión Azul: Pleamar da Universidade de Vigo).

Como autora de cómic publicou: Severina e a Raíña dos trasnos (2025, Demo Editorial); How to train your wyrm (2025, Autopublicación); Me, myself and the Emperor (2023, Autopublicación) e Aldara. A lenda do cervo branco (2021, Demo Editorial). Tamén participou nos álbumes colectivos: La Soledad de las cigüeñas (2025, Serendipia Editorial), Arrepío (2022, Demo Editorial), Maria Casares en tres actos (2022, Concello da Coruña), Licor Café (2017, Demo Editorial), 221BD (2015, Retranca Editora) e A vila dos debuxantes do Norte (2014, Retranca Editora).

En 2022, Inés Vázquez acadou o Premio Follas Novas do Libro Galego por Aldara. A lenda do cervo branco. Tamén foi merecedora nos últimos anos de dous segundos premios no certame Xuventude Crea de banda Deseñada, en 2016 e 2015.

Deja un comentario