· A primeira será o luns 18 de maio no Museo do Encaixe e centrarase na prevención de accidentes eléctricos e de gas.
· O 25 de maio o Museo de Man de Camelle acollerá a segunda xornada, dedicada a entender as facturas e informar sobre o bono social.
· A asistencia é de balde previa inscrición, con prazas limitadas.
O Concello de Camariñas, en colaboración coa Fundación Naturgy, porá en marcha durante este mes de maio un pequeno ciclo de dúas charlas informativas e prácticas dirixidas a toda a veciñanza. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer os coñecementos necesarios para mellorar a seguridade nas vivendas e axudar ás familias a comprender as súas facturas e reducir o gasto enerxético.
A primeira das xuntanzas, sobre a ‘Prevención e seguridade no fogar’, terá lugar no Museo do Encaixe de Camariñas o vindeiro luns 18 de maio ás 10:00 horas. Durante este encontro abordaranse cuestións vitais para evitar riscos no día a día, estruturadas nos seguintes temas: prevención e seguridade xeral na vivenda; a electricidade, por que se producen os accidentes e cales son as medidas de prevención fundamentais; o gas, riscos potenciais, posibles accidentes e consellos prácticos para evitalos.
A segunda charla levará por título “Coñecer a nosa factura da luz, o bono social eléctrico e térmico e os hábitos de consumo”. Celebrarase no Museo de Man, en Camelle, o luns 25 de maio ás 10:00 horas. Para sacar o máximo proveito desta xornada, aconséllase a todas as persoas interesadas que leven a súa propia factura eléctrica. Os contidos a tratar serán: conceptos básicos para entender a factura eléctrica e do gas; información detallada sobre o bono social eléctrico e térmico (requisitos e vantaxes); hábitos de consumo eficaces para lograr un aforro real na casa.
A asistencia a ambas as dúas sesións é totalmente gratuíta. Non obstante, as prazas son limitadas e iranse adxudicando por estrita orde de inscrición. As persoas que desexen asistir poden reservar a súa praza desde hoxe mesmo chamando aos seguintes números de teléfono: 653 259 282 (Ali Trillo, educadora do Concello de Camariñas), 981 737 004 (Casa de Pedra).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.