Saturday 16 de November de 2024

Os prebenxamíns do Bertamiráns CF “A” gaña o IV Torneo F-8 Concello de Lousame tras gañar por penaltis ao Atlético Riveira


30 de abril de 2016.- O Bertamiráns CF “A” proclamouse campión da cuarta edición do Torneo de Fútbol 8 Concello de Lousame, disputado esta mañá no campo de fútbol de Cabanetán (Lesende) e organizado pola Agrupación Deportiva F8 Lousame, en colaboración coa Federación Galega de Fútbol, o Concello de Lousame e de Banco Mediolanum. O equipo do Val da Maía impúxose nunha emocionante final ao Atlético Riveira, ao que rematou derrotando tras unha longa quenda de penatis.

O tempo acompañou, polo que centos de familiares se achegaron ata o campo de Cabanetán para animar aos máis dun cento de xogadores e xogadoras dos dez equipos participantes, encadrados nunha liguiña de dous grupos o grupo A (CCD Taragoña, CD Rois, Outes FC “B”, Bertamiráns CF “A” e Atlético Riveira) e o Grupo B (ED Os Miúdos, Outes FC “A”, SDV Cabo de Cruz, Noia CF e Bertamiráns CF “B”).

Final

A gran final entre o Bertamiráns CF “A” e o Atlético Riveira foi un dos mellores partidos que se teñen disputado nestes catro anos de torneo, con dous equipos moi traballados tanto no aspecto físico como, sobre todo, táctico, o que fixo que derrotaran con relativa facilidade ao resto de competidores. Os de Riveira alcanzaran a final tras derrotar na semifinal por 4 goles a dous á SDV Cabo de Cruz, nun encontro moi disputado que se resolveu nos últimos minutos. O Bertamiráns, pola súa banda, derrotaran pola mínima ao Noia CF facendo valer o seu rigor táctico: ben ordenados atrás e saíndo con velocidade e efectividade nas contras.

Na gran final, o Atlético Riveira levou a iniciativa dende o primeiro minuto, cun Bertamiráns moi ordenado atrás e lanzando perigosas contras. Nunha delas, Leo Veiga, declarado mellor xogador da final, adiantaba aos do Val da Maía. O segundo tempo foi un monólogo do Atlético Riveira, que encerrou ao Bertamiráns no seu campo e, aproveitando o vento a favor, bombardeou a portería con disparos dende lonxe. Así mesmo conseguiron remontar o partido e lograron que o Bertamiráns non pasara nin unha soa vez do medio do campo. Cando todo semellaba visto para sentenza, unha nova contra do Bertamiráns remataba cun novo gol de Leo Veiga a tan só medio minuto de finalizar o partido. En total, catro ataques do Bertamiráns no partido, dous goles.

Na quenda de penaltis, o Bertamiráns errou o primeiro lanzamento, o que fixo que os rapaces do Atlético Riveira comezaran a celebrar a vitoria ao pensar que a quenda era ao primeiro en errar, cando en realidade era ao mellor de tres tiros. Con todo a favor, o Atlético Riveira errou o último lanzamento. Na morte súbita rematou impoñéndose o Bertamiráns.

Na final de consolación, a SDV Cabo de Cruz goleou a un moi canso Noia CF, que pagou o esforzo da semifinal ante o Bertamiráns CF. O resultado final foi un contundente 6 a 0.

Entrega de trofeos

A concelleira de Deportes, María Regenjo, e o primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Ramón Martínez, foron os encargados de facer entrega dos trofeos aos catro primeiros clasificados, así como de medallas para todos os rapaces e rapazas participantes. Unha entrega de premios na que estiveron acompañados polo consultor de Banca Personal en Barbanza de Banco Mediolanum, Óscar Pardal, e Fonsi Valderrábano, de Plus Ultra Seguros, e que foi o encargado de elixir a Leo Veiga (Bertamiráns CF “A”) como o mellor xogador da final. Ademais, o Concello de Lousame sorteou material deportivo entre todos os equipos (balóns, guantes, gorras…) para que despois cada un dos equipos decida que rapaz ou rapaza queda co agasallo.

Para mañá domingo 1 de maio quedan as categorías Benxamín e Alevín, que se disputarán ao longo de toda a xornada no Campo de Fútbol de Cabanetán e nas que participarán un total de 24 equipos de toda a provincia, o que supón a presenza de preto de 300 nenos e nenas canda as súas familias. Os partidos xogaranse de mañá (ata as 14:30 horas) e de tarde, estando prevista a entrega de premios para as 20.30 horas, que estará presidida pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

O IV Torneo F-8 de Fútbol Base Concello de Lousame está organizado pola Agrupación Deportiva F8 Lousame, en colaboración coa Federación Galega de Fútbol, o Concello de Lousame e de Banco Mediolanum. Conta co patrocinio de Plus Ultra Seguros, Paco´s Moda, Deportes Casais, Lolita Moda, Muebles Muñiz, Autos Patiño, Elgasa, Silmaplast, Fisioteapia Cinesia, Autos Comparado e Soñora Fernández SLU.