A circulación verase afectada de forma progresiva durante o paso da carreira, cun corte principal na avenida da Habana e restricións temporais no percorrido urbano
O Concello da Coruña informa das afeccións ao tráfico e á mobilidade previstas con motivo da celebración, o vindeiro martes 5 de maio, da terceira etapa de La Vuelta Ciclista Femenina a España, unha proba que volverá situar á cidade como meta dunha das principais competicións do ciclismo feminino a nivel internacional.
A etapa, cun percorrido de 121,2 quilómetros entre Padrón e A Coruña, chegará á cidade pola contorna de Meicende e avanzará por diferentes vías urbanas ata rematar na avenida da Habana. A proba desenvolverase en formato de carreira en liña —non contrarreloxo—, co pelotón circulando en burbulla e con cortes de tráfico progresivos e puntuais ao paso das ciclistas.
Neste sentido, as restricións serán temporais en cada tramo do percorrido, cunha duración aproximada de entre 15 e 30 minutos, tempo no que se producirá o paso da carreira e da comitiva de apoio. Unha vez finalizado o tránsito, a circulación restablecerase de forma progresiva.
O principal punto de afección será a avenida da Habana, onde se situará a meta. Neste treito procederase ao corte da vía desde primeiras horas da mañá para facilitar os labores de montaxe e o desenvolvemento da chegada, polo que a circulación permanecerá restrinxida durante máis tempo que no resto do percorrido.
Ademais, haberá limitacións de estacionamento nas zonas afectadas e modificacións puntuais no servizo de transporte público, especialmente na contorna de Riazor. O parque de Bens tamén verá restrinxidos os seus accesos durante o paso da carreira.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou que “A Coruña volve ser elixida como centro neurálxico do deporte internacional, o que reforza a nosa proxección exterior e consolida o traballo que vimos realizando na promoción de grandes eventos”, e subliñou que “toda a cidade terá a oportunidade de gozar de primeira man do mellor ciclismo feminino do mundo, nunha xornada que combinará espectáculo deportivo e ambiente na rúa”.
Ademais, quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, sinalando que “ao tratarse dunha etapa en liña, as afeccións ao tráfico serán mínimas, puntuais e perfectamente controladas”, lembrando que os cortes serán progresivos ao paso da carreira e cunha duración aproximada de entre 15 e 30 minutos en cada punto do percorrido.
Desde o Concello recoméndase planificar con antelación os desprazamentos durante a tarde do martes e seguir en todo momento as indicacións do persoal da organización e dos corpos de seguridade, co obxectivo de garantir tanto a seguridade das participantes como o correcto funcionamento da mobilidade na cidade.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.