― Trátase de impulsar novas medidas en defensa da seguridade e da accesibilidade no treito inicial de 2,4 km da vía, cun itinerario peonil continuo e mellorando a visibilidade nos distintos accesos, que suporá un investimento total de máis de 1,4M€
― O acto para o levantamento de actas previas terán lugar o vindeiro 25 de maio, no salón de plenos do Concello de Betanzos, e o de formalización levarase a cabo o 21 de xullo
―
― O proxecto incorpora as propostas do proxecto piloto elaborado por Stop Accidentes na contorna do centro Pai Menni, no marco da colaboración coa Xunta, e atende ás demandas trasladadas polos veciños de Infesta
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, nos vindeiros meses de maio e de xullo, dos actos expropiatorios para a mellora da seguridade e accesibilidade peonil na AC-542, en Infesta, no concello de Betanzos.
O acto para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para o día 25 de maio de 2026, das 10.30 ás 11.00 horas, no salón de plenos do Concello de Betanzos. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 21 de xullo de 2026, das 10.30 ás 10.45 horas, tamén no salón de plenos deste concello coruñés.
A Xunta destinará a este proxecto un investimento total que superará os 1,4M€, no obxectivo de levar a cabo actuacións de acondicionamento e mellora no treito inicial de 2,4 quilómetros de lonxitude da estrada AC-542, desde o punto quilométrico 0+000 (intersección coa AC-840) e o punto quilométrico 2+400 (enlace coa A-6), habilitando un itinerario peonil continuo, accesible e seguro segundo a normativa de aplicación. O prazo de execución da actuación é de 12 meses.
Este proxecto da Xunta incorpora as propostas do proxecto piloto elaborado por Stop Accidentes na contorna do centro Pai Menni de Betanzos, destinado a persoas con discapacidade. Neste caso, impulsouse ao abeiro do convenio de colaboración da Xunta e Stop Accidentes para o impulso de novas medidas en defensa da seguridade viaria.
As actuación que se prevén executar nesta intervención incorporan así as medidas do proxecto piloto e atende outras demandas dos veciños de Infesta, sendo nalgúns casos coincidentes coas transmitidas polo centro Pai Menni, e noutros casos complementarias.
O proxecto definitivo incorpora, respecto do sometido inicialmente a información pública, modificacións no trazado, entre as que se inclúen; a habilitación dun carril central de xiro á esquerda para o acceso desde a AC-542 á N-VI en dirección á Coruña; desprazamentos lixeiros en posición de refuxios e paradas de autobús ou a configuración de prazas de aparcamento.
Así mesmo, se inclúen ademais actuacións de mellora da seguridade peonil, como un novo paso de peóns máis preto dos accesos á Infesta e ao Tarreo; e actuacións de mellora da seguridade viaria, novas beirarrúas entre os quilómetros 1+930 e 2+120 e restricións dos movementos de xiro á esquerda no acceso a Xan Roxo. Tamén se prevé o reforzo da sinalización de limitación de velocidade máxima e ampliación de zonas restrinxidas a 50 qm/h ou a adaptación do deseño das vías de Pai Menni para o estacionamento temporal.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.