Sunday 03 de May de 2026

Concorrida inauguración do centro social de Goiáns, unha xoia arquitectónica ao servizo da veciñanza


A parroquia de Goiáns conta dende hoxe cun novo e moderno punto de encontro. Nun concorrido acto, organizado pola asociación de veciños, foi inaugurado oficialmente o centro social, un proxecto que non só destaca pola súa singularidade arquitectónica, senón que nace coa vocación de converterse no “corazón” da vida comunitaria da zona.

A xornada inaugural caracterizouse pola gran participación. A pesar da chuvia, a veciñanza ateigou o local, situado en Xoane, e puido percorrer as novas instalacións nun ambiente festivo grazas ao xantar, a animación musical de Rocío Pérez e a tarde de xogos para a rapazada organizada pola Concellaría de Participación Veciñal.

Durante o acto destacouse o esforzo por dotar a Goiáns dun equipamento de primeiro nivel que resolve unha demanda histórica da veciñanza. Nunha breve intervención, o alcalde, Daniel Pérez, amosou o seu orgullo por ver este centro cheo de vida: “Este é un espazo para a xuntanza e para crear comunidade, algo que fai moita falta nos tempos que corren”, manifestou.
Unha “pequena aldea” con deseño de vangarda

O edificio, que pasa a integrarse na rede municipal de centros sociais tras un investimento do Concello de Carballo superior aos 400.000 euros, foi deseñado polos arquitectos Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano (do estudo Fernández Carballada e Asociados), quen concibiron a obra para aproveitar un “encrave privilexiado” entre unha gran explanada e unha masa arbórea.

O deseño destaca polas seguintes características técnicas:
• Integración paisaxística: O inmoble ten unha planta única e cadrada de 21×21 metros, fragmentada en volumes con cubertas a dúas augas para semellar, dende a distancia, unha aldea tradicional.
• Cinco fachadas: Ao ser visible dende todos os camiños que o rodean, o edificio non ten unha orientación prioritaria, converténdose nun fito visual con cinco fachadas igual de representativas.
• Luz e espazo: O interior, de 341,62 metros cadrados, articúlase arredor dun vestíbulo iluminado por un gran lucernario circular cenital. Conta cun auditorio para 36 persoas (ampliable ao dobre), sala multiusos, espazo para cociña, oficinas e arquivo.
• Contorna: O proxecto incluíu a creación de 14 prazas de aparcamento e un axardinamento baseado na potenciación das especies arbóreas xa existentes na parcela.

O recoñecemento do centro social de Goiáns traspasa as fronteiras municipais, xa que foi seleccionado para os Premios FAD 2026 na categoría de Arquitectura. O veredicto final do xurado coñecerase o vindeiro 17 de xuño no Disseny Hub de Barcelona, pero o nomeamento xa sitúa Goiáns e Carballo na elite do deseño ibérico actual.

Deja un comentario