Sunday 03 de May de 2026

A conselleira de Medio Ambiente visita o muíño da Ponte Carballa, rehabilitado grazas a unha achega de case 14.500 euros da Xunta


A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde en funcións de Frades, Manuel Ferreiro, visitaron esta mañá o muíño de Ponte Carballa, unha instalación que foi recuperada xunto coa súa contorna grazas a un investimento de case 17.500 euros, dos que 14.442 euros proceden dunha axuda da liña de apoios a concellos para a execución de actuacións de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural en Rede Natura 2000.

Segundo explicou Ángeles Vázquez durante a visita, o obxectivo destas axudas é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna. No caso concreto do muíño de Ponte Carballa, instalouse un novo tellado illante, sobre o que se colocou unha cuberta de tella substituíndo o anterior tellado, que estaba moi deteriorado. Así mesmo, retirouse a madeira danada do taboleiro e colocáronse novas táboas de castiñeiro. A maiores, renovouse a porta de madeira do muíño, abriuse a canle de saída e rehabilitouse a de entrada.

Manuel Ferreiro agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia “na recuperación e posta en valor desta área recreativa da Ponte Carballa que compartimos Frades e Mesía. Un espazo onde, ademais de recuperar este anaco da nosa historia que é o muiño da Ponte Carballa, a Xunta tamén axuda ao seu mantemento a través dos obradoiros duais de emprego”. Conselleira e alcalde en funcións estiveron acompañados na visita polos concelleiros de Benestar Social, Ángeles Álvarez; Turismo, Jesús Francos; e Patrimonio, Juan Carlos Portos.

Axudas en espazos protexidos

Cómpre lembrar que en 2026 a Xunta destina 1,87 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a actuacións en espazos protexidos (parques naturais, Rede Natura e reservas de biosfera). En concreto, este ano a convocatoria dividiuse en dúas liñas de axudas, unha para actuacións en reservas de biosfera e outra para terreos en parques naturais ou Rede Natura 2000. No caso da primeira, os potenciais beneficiarios son as administracións públicas ou entidades asociativas que sexan órganos de xestión das reservas de biosfera de Galicia e que desenvolvan actuacións en zonas rurais situadas en calquera das reservas dentro do ámbito territorial da comunidade.

En canto ás achegas para espazos de Rede Natura 2000 ou parques naturais de Galicia, están dirixidas a concellos e entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nalgúns dos parques naturais da comunidade ou na Rede Natura 2000, a asociacións ambientais sen ánimo de lucro, a persoas físicas ou a empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos nos que se sitúe un parque natural constituídas con anterioridade á publicación das axudas.

Nos últimos dous anos a Xunta concedeu arredor de 3,7 millóns de euros a este tipo de intervencións sobre elementos de espazos protexidos de Rede Natura 2000, reservas de biosfera ou parques naturais.

Deja un comentario