Sunday 03 de May de 2026

A Xunta inicia os traballos para a recuperación do Centro Ictioxénico de Sobrado cun investimento de preto de 94.000 euros


Ángeles Vázquez salienta que o fin último é rehabilitar e acondicionar unhas instalacións que foron construídas nos anos 60 do século pasado e que tiveron que pechar en 2014 por deficiencias estruturais que impedían mantelas operativas

Esta primeira fase dos traballos, que rematará no verán, céntrase na mellora dos elementos exteriores do centro, como a roza das marxes do rego Rodelo, a dragaxe das distintas canles de auga ou a limpeza do recinto, entre outras

Despois sería necesario executar unha segunda fase de rehabilitación do inmoble e dos seus equipamentos, para a que se está a elaborar un proxecto e facendo a estimación do custo para avaliar a posibilidade de incluílo nos orzamentos de 2027

Unha vez que este centro ictioxénico entre en servizo habería un en cada provincia pois sumaríase aos existentes no Veral (Lugo), no Carballiño (Ourense) e en Cerdedo Cotobade (Pontevedra)

 

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións do antigo centro ictioxénico de Sobrado, no que a Xunta iniciou esta semana os traballos necesarios para a súa recuperación co fin de que volva estar operativo para a cría, reprodución e incubación de peixes autóctonos como a troita común (Salmo trutta) e obter xuvenís cos que repoboar ríos, lagos ou encoros da comunidade. Esta primeira fase dos traballos suporá un investimento de preto de 94.000 euros, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

A responsable autonómica explicou que o fin último é rehabilitar e acondicionar unhas infraestruturas que foron construídas nos anos 60 do século pasado e que deixaron de funcionar en 2014 pola existencia de deficiencias estruturais que comprometían a súa seguridade e impedían que se mantivesen operativas.

Esta primeira fase dos traballos, que rematará durante o verán, inclúe intervencións como a renaturalización da contorna fluvial mediante a roza das marxes do rego Rodelo ata a presa de derivación, que tamén será acondicionada, a dragaxe das distintas canles de auga das instalacións e a limpeza do interior do recinto.

A maiores derrubaranse tanto a cámara frigorífica existente como a sala que a alberga, instalarase un depósito de augas fecais para dar servizo ao edificio, renovaranse as canalizacións de abastecemento, electricidade e telecomunicacións, repararase o peche exterior existente e arranxarase o portal de acceso ao centro.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, incidiu en que, unha vez rematada esta primeira fase das actuacións, será preciso executar unha segunda máis centrada na rehabilitación do propio inmoble e dos seus equipamentos. Nestes momentos estase a elaborar proxecto e a calcular o investimento necesario para a súa execución co fin ver a posibilidade de incluílo nos orzamentos de 2027 e que o centro poida entrar en servizo canto antes.

A conselleira puxo en valor que este tipo de infraestruturas públicas son fundamentais para a recuperación das poboacións silvestres de peixes e para mellorar as condicións ecolóxicas dos ecosistemas acuáticos, contribuíndo a que Galicia poida contar cunhas contornas fluviais máis equilibradas e saudables.

Nesta liña, lembrou que a entrada en servizo deste centro ictioxénico de tempada para a produción de ovas embrionadas de troita común (Salmo trutta) fará que a provincia da Coruña volva contar cunhas instalacións destas características, sumándose ás existentes no Veral (Lugo), no Carballiño (Ourense) e en Cerdedo Cotobade (Pontevedra).

Deja un comentario