Saturday 02 de May de 2026

Culleredo continúa a sofrer os problemas co transporte público metropolitano


– A Xunta antepón o transporte de viaxeiros ao aeroporto ás necesidades da veciñanza de Culleredo.
– En Vilaboa e no Portádego os autobuses continúan deixando persoas nas paradas.
– Continúa a estar sen cubrir o servizo de taxi adaptado para dar servizo a persoas de mobilidade reducida.

O transporte público en Culleredo segue a acumular queixas diarias sobre a cualidade do servizo. Mentras a Xunta centra todos os esforzos en facilitar o transporte de viaxeiros ao aeroporto, a veciñanza de Culleredo segue a ter problemas para realizar os seus desprazamentos diarios.

Sucédense as queixas sobre autobuses que non paran para recoller persoas que están a agardar nas paradas, ou que deixan xente fóra por non ter capacidade para que todas poidan subir. Tamén continúan as queixas sobre a ausencia de taxis que, malia os acordos publicitados, seguen a priorizar o servizo ao aeroporto.

Estes problemas, xa existentes desde hai tempo, agudizáronse agora co peche do aeroporto Rosalía de Castro – Lavacolla e a derivación de voos ao de Albedro. O BNG ten demandado reiteradamente solucións tanto nos Plenos municipais como no Parlamento de Galiza, a través dos seus representantes, sen que nengunha das administracións teña tomado medidas que resolvan o problema.

Para Tono Chouciño, voceiro do BNG, “non é permisible que a xente quede nas paradas por falta de espazo nos buses, nen que as persoas que se desprazan aos centros de saúde teñan que esperar horas para conseguir un taxi. Seguimos esperando a dotación dun taxi adaptado para dar servizo a persoas de mobilidade reducida. Vai sendo hora de que Xunta e Concello asuman as súas responsabilidades na prestación dun servizo tan básico como é o transporte público.”

Deja un comentario