Sunday 03 de May de 2026

O PP acusa o goberno local de “facer propaganda coa Torre de Celas mentres a mantén en ruínas”


• Denuncian a “hipocrisía política” de Rioboo tras organizar esta semana unha actividade con alumnos de colexios do concello, mentres o interior do monumento segue pechado, deteriorado e sen rehabilitar

O Partido Popular de Culleredo denunciou a “hipocrisía política” do goberno local de José Ramón Rioboo por “facer propaganda” coa visita realizada este xoves por escolares á Torre de Celas, mentres o interior do monumento, que data do século XIV, continúa pechado, deteriorado e sen ningunha actuación de rehabilitación.
Desde o PP valoran que os nenos do municipio coñezan a historia e o patrimonio de Culleredo, pero critican que a actividade se limitase ao exterior porque o interior “segue nun estado lamentable, en ruínas”. “Parécenos moi ben que os escolares se acheguen ao monumento. O que non é aceptable é que só poidan velo desde fóra porque o goberno de Rioboo leva anos deixándoo caer”, engaden.
O PP lembra que en xaneiro de 2025 presentou unha moción para a recuperación integral de la Torre de Celas, o único Ben de Interese Cultural (BIC) do municipio, na que se propoñía rehabilitar o edificio, garantir a súa conservación e reactivar as visitas culturais. “Un ano despois, a realidade é clara: non fixeron absolutamente nada”, afirman.
Os populares advirten de que o estado do interior do edificio é “lamentable e vergoñoso”. Tras unha visita realizada no seu labor de control, constataron humidades xeneralizadas, filtracións de auga, estruturas de madeira podridas e escaleiras inutilizables, que fan imposible o acceso ás plantas superiores: “O que o Concello vendeu esta semana como educación é, en realidade, o reflexo do seu deixamento: nenos mirando desde fóra un patrimonio que o goberno non foi capaz de coidar”. Ademais, alertan da deterioración da contorna da torre, con falta de mantemento en xardíns, sinalización e equipamentos.
Para o PP, esta situación evidencia unha forma de gobernar baseada na imaxe e non na xestión: “O patrimonio de Culleredo non pode ser un decorado para unha foto e unha publicación en redes sociais. É unha obrigación, e este goberno está a fallar. Non asumen a súa responsabilidade e non rehabilitan o que é de todos”.
Por iso, o PP esixe unha actuación inmediata para recuperar a Torre de Celas, reabrir o seu interior e garantir que os veciños poidan coñecer a súa historia “de verdade, non a distancia e desde o abandono”.

Deja un comentario