Un ano máis, o Concello de Neda rendía onte tributo ás nais veteranas do municipio. Catro veciñas de entre 91 e 93 anos, convertíanse en protagonistas desta sentida homenaxe institucional, recibindo o aplauso e cariño do público asistente, entre o que non faltaban familiares e amizades.
Consuelo Rodríguez Sardiña, Montserrat Seco Castro, Rosa Allegue Porto, durante décadas á fronte de La flor de mayo, e María Fojo Torres, nacidas nos anos 1933 e 1934, nais todas de catro fillos, avoas e, nalgúns casos bisavoas, convertéronse en protagonistas da velada, na que non faltaron nin a emoción, nin a música, nin a poesía.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e as concelleiras de Cultura, Igualdade, e Sanidade, respectivamente, facían entrega durante o evento, que encheu a Casa da Cultura, dun detalle institucional e un ramo de flores ás catro homenaxeadas que, como apuntaba a presentadora da velada, Cristina Martínez, bota a vista atrás co orgullo de ter dado o mellor de si para sacar adiante ás súas familias.
Na segunda parte do festival, chegou o agasallo en forma de cancións. A rondalla Lucero del Alba, interpretou temas como “Meu amor é mariñeiro”, “Marabilla natural”, obra de Manuel Castro, integrante da agrupación, e “Mujer” e Los Nostálgicos fixeron as delicias do público con versións, entre outras, do “Quen poidera namorala” de Luis Emilio Batallán, e do bolero “Si tú me dices ven”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.