“Os académicos cos que contactamos dinnos que están recibindo informes con todas as cousas que estamos facendo sobre Zernadas, polo que actos coma este e o que temos preparado para o 17 de maio suman e adquiren aínda máis relevancia”, asegura Esteban Ares
O local social do Sanguiñal acolleu na tarde de onte xoves unha das presentacións do Proxecto Zernadas’27 que o Concello de Lousame está a realizar por todo o municipio para promover a candidatura de Diego Antonio Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario do seu pasamento.
“Só nos queda axendar Vilacoba, San Xusto e Lesende, pois xa estivemos nas outras parroquias e non imos volver a Fruíme, pois a primeira presentación desa campaña foi aló co gallo do aniversario do nacemento de Zernadas e, ademais, o vindeiro 17 de maio imos ter un acto moi potente tamén en Fruíme”, bromeou o alcalde, Esteban Ares.
Importancia do apoio veciñal
O alcalde lousamiá aproveitou para dar conta dos avances nas reunións que están a manter con académicos e representantes do mundo da cultura para conseguir apoios á candidatura do cura de Fruíme. “Unha das cousas que máis nos destacan nestas reunións é que é moi admirable todo o apoio que hai dende a base á candidatura de Zenadas, a implicación dos veciños, que se consiga mobilizar todo un concello e que participedes nos distintos actos que organizamos dá moita relevancia e credibilidade ao proxecto”, destacou Esteban Ares, quen recoñeceu que “tamén valoran moito a unión de todos os partidos políticos, algo pouco común nos tempos actuais”. De feito, na reunión de onte no local social de Tállara estaban presentes os tres voceiros municipais de PP, PSOE e BNG.
O alcalde amosouse satisfeito de que “hai moitos académicos que nos din que conseguir un Día das Letras Galegas é moi complicado, pero tamén recoñecen que se llo dedican, sería máis que merecido”. Ademais, recoñeceu que “pase o que pase, o traballo vai quedar aí. Solo o feito de que cando se celebre o Pleno da Real Academia Galega o nome de Zernadas estea alí, se fale del e se debata, xa é un orgullo. Se llo conceden, celebraremos o Día das Letras Galegas con toda Galicia. Se non é así, Lousame celebrará como se merece o 250 aniversario da morte de Zernadas de Castro”.
Esteban Ares insistiu en que “queremos que todo Lousame sinta isto como algo colectivo, que nace en Fruíme pero nos une como pobo. Somos un concello moi disperso no territorio, pero temos intereses comúns”. Ademais, lembrou que todas estas actividades que se realizan en apoio ao cura de Fruíme e que teñen transcendencia nos medios de comunicación e nas redes sociais, “chegan aos académicos en resumes de prensa, de aí tamén a importancia de seguir facendo forza todos xuntos”.
Presentación da campaña
Pola súa banda, o técnico municipal de Cultura, Eduardo Agraso, presentou á veciñanza as distintas iniciativas realizadas polo Concello de Lousame, en colaboración coa AAVV Cernadas de Castro, para poñer en valor a vida e obra de Zernadas de Castro: colocación dun busto fronte á igrexa de San Martiño de Fruíme, publicación de libros de toda a obra literaria e poemario en galego do autor, produción de videopoemas, adquisición de esculturas e cadros de Zernadas, conferencias, exposicións, musicalización de poemas…
Antes da presentación tivo lugar a proxección dun vídeo para promover a candidatura de Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas 2027 dirixido, guionizado e montado polo realizador noiés Luís Avilés. A sesión rematou con todos os presentes sumándose á campaña promocional que o Concello de Lousame ten en marcha en redes sociais co cancelo #EuConZernadas, primeiro en grupo e moitos deles tamén de forma individual. O Concello agasallou aos presentes cun libro de Zernadas de Castro.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.