Friday 01 de May de 2026

As concelleiras Non Adscritas reivindican a “coherencia política” no primeiro de maio


Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez realizaron este venres unha ofrenda floral ante o busto ao socialista, Pablo Iglesias, asegurando ser conscientes “de quen somos e do que representamos”

As concelleiras Non Adscritas de Santiago de Compostela mantéñense fieis ás citas simbólicas que realizaban antes da súa expulsión do PSOE. Unha delas, e por segundo ano consecutivo, é a ofrenda floral ante o busto ao socialista Pablo Iglesias, localizada na avenida de Castelao (Vite). Unha ofrenda na que aproveitaron para reivindicar a “coherencia, lealdade e compromiso” con Santiago de Compostela “e cos nosos principios e valores”.

Así o destacou Mercedes Rosón nun acto simbólico, que ten máis forza no contexto da moción de censura de Lugo: “nestes tempos convulsos, é unha sorte ser conscientes de quen somos e do que representamos” asegurou. Neste sentido, destacou que a actitude das concelleiras Non Adscritas seguirá a ser a da “coherencia”: “así o fixemos sempre e así seguiremos”.

Rosón destacou neste acto a política de oposición “útil, construtiva e centrada nos problemas reais das veciñas e veciños que viven en Compostela”. Neste sentido, puxo como exemplo as catro proposicións que levaron ao pleno do pasado xoves sendo todas aprobadas pola maioría da Corporación Municipal. “Os valores e a traxectoria de Pablo Iglesias é un espello no que vernos como servidoras públicas que somos, estando a pé de rúa e conectadas co que de verdade lle preocupa á cidadanía” destacou.

A sobrecarga da Atención Primaria os sábados á mañá pola reorganización do SERGAS que deriva toda a presión asistencial ao Punto de Atención Continuada de Santiago -polo peche dos centros de saúde- ou a situación de parálise de dúas obras no rural de Compostela -a senda de Figueiras e a ampliación da estrada entre Santiago e Val do Dubra á altura da Peregrina- foron algúns dos temas que levaron as Non Adscritas ao pleno deste xoves. Tamén a situación de abandono e falta de mantemento e seguridade do antigo vertedoiro de Aríns ou actuacións en materia de accesibilidade no ámbito da Praza de Ultreia. Todos, insiste Rosón, “problemas reais que importan ás veciñas e veciños e que comulgan coa idea de benestar, de solidariedade e de xustiza social que inspira a figura de Iglesias”.

Apoio ás mobilizacións no Día da Clase Traballadora

Nun día marcado ademais pola mobilización social e a reivindicación, as Non Adscritas destacaron tamén a importancia de seguir avanzando na mellora das condicións laborais e defender os dereitos das persoas traballadoras, “comezando polo mesmo dereito ao traballo”. Rosón concluíu facendo un chamamento á defensa activa dos logros sociais: “é un día no que saír á rúa, defender os dereitos conquistados e loitar por máis avances”.

Deja un comentario