Os grupos municipais eloxian a traxectoria de Begoña Caamaño e comprométense a continuar ampliando o espazo do galego e garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas.
A Corporación Municipal do Concello de Santiago aprobou por unanimidade no pleno ordinario de abril, celebrado este xoves no Pazo de Raxoi, unha declaración institucional con motivo do Día das Letras Galegas 2026.
A declaración gaba a traxectoria feminista, pacifista e internacionalista de Begoña Caamaño, narradora e xornalista, e lembra que o Concello de Santiago ten alcanzado moitos acordos unánimes en prol da lingua. Nese contexto, a Corporación compostelá comprométese a continuar ampliando o espazo do galego e garantir os dereitos lingüísticos de todas as persoas Tamén a transmitir socialmente que a lingua propia é a mellor escolla para canalizar os valores, o talento, a cultura e os produtos de Galicia ao mundo. “Comprometémonos, como Concello e como Corporación, a ser exemplo, como o foi e o segue sendo Begoña Caamaño”, defende a declaración institucional.
“Volvemos anovar o compromiso coa lingua”, afirma o texto apoiado por todos os grupos políticos municipais, e sinala que se trata dun “compromiso que cómpre verificar no día a día, ao longo de todo o ano, no noso comportamento individual e colectivo, desde o espazo político e institucional ata o tecido social, reivindicando o seu uso e participando de todas as accións que o promoven, mais, sobre todo, usándoo”.
Outros asuntos
No pleno ordinario de abril, o goberno local logrou tamén a aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos por importe de 122.560,05 euros, en concepto de indemnización substitutiva polas prestacións de xestión da rede de centros socioculturais realizadas nos meses de novembro e decembro de 2025 pola empresa SERVIPLUSTOTAL, S.L.U.
Por outra banda, o Pleno aprobou catro mocións por unanimidade. Tres delas, presentadas polo concelleiro e concelleiras non adscritas: unha relativa á execución dos proxectos de ampliación da DP-7804 e a Senda Peonil de Figueiras, outra sobre a situación do antigo vertedoiro de Aríns e outra sobre a situación do ámbito da Praza de Ultreia. Tamén unha proposición presentada polo grupo socialista para avanzar no novo modelo de xestión dos aparcadoiros municipais de Praza de Galicia e Praza de Vigo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.