Friday 01 de May de 2026

O BNG aposta por seguir mellorando as estradas e propón realizar a pavimentación da avda. de Ferrol


Pérez Barral reivindica o traballo feito e asegura que segue día a día escoitando as demandas veciñais

O Bloque Nacionalista Galego reclama que se mellore o pavimento na Avenida de Ferrol, unha das principais arterias de entrada e saída ao núcleo urbano de Santa Uxía. Trátase dunha actuación demandada polos veciños e veciñas da parroquia de Deán, que levan tempo reclamando unha intervención nesta vía fundamental para a mobilidade en Ribeira.

Dende o BNG subliñan que esta proposta é froito do contacto directo coa cidadanía e reivindicaron que durante a etapa de goberno xa se acometeron medidas de calmado de tráfico como poñer os reflectores, a dobre liña continua ou as bandas sonoras para garantir a seguridade viaria. Dende a formación nacionalista aseguran estar escoitando as necesidades dos barrios e parroquias, porque cren que “esa é a base dunha boa acción política”, sinalan.

O exalcalde e portavoz, Luís Pérez Barral, acompañado das concelleiras Cruz Rivadulla e Veva Betanzos, lembrou que durante a súa etapa á fronte do goberno municipal xa se realizara unha primeira valoración técnica para acometer a renovación dun tramo amplo desta avenida, cun investimento estimado de 100.000 euros. “Deixamos traballo avanzado e unha folla de ruta para mellorar esta infraestrutura, porque sabemos da súa importancia para a circulación”, destacou.

1,5 millóns de euros investidos na mellora das parroquias

Durante o período de goberno do BNG, destináronse un total de 1,5 millóns de euros á mellora de vías e pavimentacións en diferentes parroquias do municipio, cun reparto equilibrado e atendendo ás necesidades logo de moitos anos sen mantementos adecuados en moitas estradas do municipio. En Ribeira pavimentouse a Rodriguez Bautista, Otero Pedrayo e Mendiño; Aguiño acometéronse actuacións nas rúas Castelao, Luís Seoane, Praia da Ribeira, Francisco Lorenzo Mariño, A Cerca e Curbelo; en Corrubedo leváronse a cabo melloras na rúa do Colexio, dos Pozos e Canaval, deixando ademais preparada a Avenida de Buenos Aires; en Castiñeiras interviuse nas rúas Revolta, Fonteseca, Curros e no camiño dos Páramos; en Carreira realizáronse obras nas rúas da Capela, Frións, Vilar-Vixán e Mámoa-Laxes; en Olveira actuouse no lugar de Sirves e Cristal, quedando previsto ademais o acceso ás Dunas; en Oleiros executáronse diversas pavimentacións no lugar dos Muíños; en Palmeira melloráronse as rúas da Cambra e Agriña; e en Artes acondicionouse a contorna da igrexa parroquial.

Dende o BNG tamén quixeron lembrar que moitas destas actuacións non contaron co apoio do Partido Popular da señora Sampedro. Se fora por eles, boa parte destas pavimentacións non serían posibles. Aínda así, consideran previsible que o actual goberno trate agora de presentalas como propias. “É importante que a veciñanza coñeza que estes proxectos foron planificados, tramitados e financiados previamente polo goberno do BNG”, subliñou Pérez Barral.

“Isto son feitos que demostran que hai outra maneira de gobernar, baseada na participación veciñal, xa que moitas foron propostas directamente pola veciñanza e tamén por unha boa planificación”, afirmou Pérez Barral.

“Imos continuar traballando en positivo, presentando iniciativas que melloren a calidade de vida da veciñanza. Ribeira necesita un goberno que escoite á xente, traballe para resolver as demandas veciñais e actúe con responsabilidade pero por desgraza asistimos a un goberno que parece máis preocupado por facer fotografías para as redes sociais que por resolver os problemas do día a día”, concluíu.

Deja un comentario