Trátase dun dos primeiros pasos para que este camiño sexa público e poder dotalo de servizos básicos
O Concello de Ribeira avanza cara a consecución de que a rúa do Porto, na parroquia de Aguiño, pase a ser de titularidade pública. A Administración local asinará cos 13 propietarios a aprobación da relación de afectados por esta medida e notificará o presente acordo aos interesados para a subscrición dos respectivos convenios de cesión. A alcaldesa, María Sampedro, desprazouse hoxe ata o lugar acompañada do primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, e do concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, para falar alí in situ cos veciños e rubricar xa gran parte dos ditos documentos.
Para chegar a este punto houbo que contactar cos propietarios, iniciar o expediente administrativo e aprobar a dación en Xunta de Goberno Local.
A rexedora manifestou que esta era unha “demanda histórica”, pois esa rúa dá servizo a vivendas, un negocio e naves para resgardan embarcacións que faenan. Neste senso, a mandataria local comprometeuse a, unha vez se formalice a escritura pública dos terreos, facer o proxecto para dotar a esta rúa de case 150 metros lineais de servizos básicos como pavimento e saneamento. “Estamos nun terreo privado, que non é competencia municipal, e que, polo tanto, nunca puidemos actuar, nin asfaltar nin dotar dos servizos básicos que calquera rúa, de tanto tránsito como esta, merece”, manifestou Sampedro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.