Felicita aos 51 galardoados desta edición polas súas traxectorias e por representar valores como o respecto, a tolerancia e a cultura do esforzo
Subliña que Galicia acadou un récord histórico de licenzas deportivas, con máis de 320.000, e de deportistas de alto nivel, que suman xa 1.850
Lembra que a Xunta segue a potenciar o sector con investimentos estratéxicos como o Centro de Alto Rendemento de Pontevedra, cun investimento estimado de 30 millóns de euros
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu esta tarde a entrega das distincións ao mérito deportivo de Galicia correspondentes a 2025, onde reivindicou o deporte como un nexo común capaz de unir á sociedade por riba de idades, procedencias ou ideoloxías.
No acto, no que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o titular do Executivo autonómico destacou que os valores de respecto, tolerancia e cultura do esforzo que representan os premiados son hoxe máis fundamentais ca nunca.
O presidente felicitou aos 51 galardoados desta edición —entre deportistas, clubs, institucións, xornalistas e antigos responsables de Deporte da Administración autonómica—, sinalando o altísimo nivel no que se atopa o deporte galego. Para o mandatario galego, todos eles representan traxectorias de esforzo e superación que contribuíron a facer de Galicia un referente e forman “parte activa da construción desa Galicia Calidade que todos queremos”.
Entre as persoas galardoadas figura José Ramón Lete Lasa, quen dedicou máis de 20 anos da súa traxectoria á administración pública no ámbito deportivo, dezaseis deles en distintas etapas á fronte dos departamentos de Deportes da Xunta. Destaca tamén a súa dedicación como presidente do Consello Superior de Deportes entre os anos 2016 e 2018. O presidente entregoulle a distinción coa que se recoñece a súa traxectoria e compromiso para o crecemento e a promoción do deporte galego.
Así, Rueda destacou que a comunidade conta hoxe co seu récord histórico de licenzas deportivas, superando as 320.000, e salientou especialmente o crecemento do deporte feminino, que duplicou o número de fichas nos últimos 15 anos. Do mesmo xeito, subliñou que os deportistas de alto nivel multiplicáronse por seis nese mesmo período, alcanzando os 1.850 actuais.
Apoio da Xunta a un motor económico e social
O titular da Xunta reafirmou o compromiso da Administración autonómica coa mellora das infraestruturas e o apoio ao tecido asociativo. Neste sentido, fixo referencia ás axudas destinadas no último ano a clubs, federacións e deportistas, así como ás melloras en instalacións por todo o territorio. Como proba deste esforzo investidor, citou o novo Centro de Alto Rendemento de Pontevedra, un proxecto que conta cun investimento estimado de 30 millóns de euros e que situará á vangarda da preparación deportiva.
Máis alá da competición, o presidente lembrou o impacto positivo do deporte na saúde física e emocional da cidadanía, así como o seu peso crecente na economía galega. Segundo explicou, este sector supón xa case o 1% do PIB da comunidade e é responsable directo de máis de 17.000 postos de traballo, consolidándose como un motor de emprego e de atracción turística.

Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.