Wednesday 29 de April de 2026

O Concello organiza un encontro para familias con actividades lúdicas e obradoiros sobre educación


O Concello de Oleiros organiza o II Encontro de Familias Inquedas o sábado 9 de maio, nas instalacións das Torres de Santa Cruz. O evento, con actividades pola mañá e pola tarde, está dirixido ás familias de Oleiros con fillos e fillas menores de idade para desfrutar desta xuntanza na que compartir experiencias, desfrutar de actividades e tecer redes.

A partir das 11:15 h abrirase a recepción ás familias participantes para, máis tarde, arredor, das 12:00 h, iniciar dous obradoiros, un para as persoas adultas e outro para a rapazada, que se desenvolverán de forma paralela ao largo de toda a mañá.

O obradoiro dirixido ás nais e pais ten o título de “Comunicación, negociaicións e conversas difíciles nas vacacións” e será impartido por Sara Vierna, de Almas Meraki, no que a través de dinámicas vivenciais transmitirá ferramentas para comunicarse da forma máis saudable emocionalmente.

Paralelamente os nenos e nenas que acudan ao encontro participarán nun obradoiro de Expresión Artística baseado na natureza e na creatividade. Será desenvolvido por Mª Dolores López Polo, máis coñecida pola súa actividade á fronte de El Taller de Polo.

Ao remate dos obradoiros haberá un momento de encontro e compartir mesa á hora da comida, no que cada familia poderá desgustar a comida que traia cada un da súa casa, nos taboleiros e cadeiras que estarán distribuídos polos xardíns das Torres de Santa Cruz. Un momento ideal para seguir compartindo e coñecéndonos tras os obradoiros da mañá.

Xa pola tarde haberá un obradoiro de Dinámicas Teatrais a cargo de Ramiro Neira para que a poidan desenvolver conxuntamente, as persoas adultas cos nenos e nenas, e pasar de seguro un momento divertido, con risas en común, no que sacar cada quen a súa vena artística.

O encontro finalizará sobre as 18.00 h tras un espectáculo de contacontos musical a cargo do Dúo Chilú, no que Fabipuntito narrará contos labregos acompañados de música de David.

As prazas para participar neste evento son limitadas e terán prioridade as familias que nalgún momento participaron nos obradoiros ou seminarios do programa Familias Inquedas.

As inscricións a través dun formulario na web municipal www.oleiros.org no apartado PARTICIPA/ACTIVIDADES SOCIAIS dende o xoves 30/04/26 ás 12:00 h e ata o mércores 06/05/26 ás 23:00 h.

Deja un comentario