Wednesday 29 de April de 2026

Planta de biogás proxectada no concello de A Laracha


O biogás e o biometano son fontes de enerxía renovábel obtidas a partir da descomposición de materia orgánica, como xurros gandeiros, esterco, residuos agrícolas ou restos da industria alimentaria. Ben planificadas e axeitadamente dimensionadas, estas instalacións poden representar unha oportunidade para a xestión de residuos e a produción de enerxía local. Non obstante, os proxectos de grande escala con finalidade exclusivamente comercial presentan riscos relevantes para o medio ambiente, para a saúde das persoas e para a calidade de vida das comunidades afectadas.

A empresa Aratel pretende implantar unha macroplanta de produción de biogás no lugar de Vista Alegre, na parroquia de Soandres, no concello da Laracha, con características que esta Corporación considera incompatibles coa protección do territorio, dos recursos hídricos e do benestar da veciñanza:
 A planta ocuparía máis de 95.070 m² de solo rústico nas proximidades do río Anllóns.
 Prevése o tratamento de 65.000 toneladas anuais de residuos, incluindo subprodutos animais clasificados como SANDACH de categoría 2.
 O proxecto contempla a circulación de 13 camións diarios polas vías locais.
 Estímase un consumo anual de 1,5 millóns de litros de auga, extraídos do principal regato que conforma o río Anllóns.
 Xerará máis de 30.000 toneladas anuais de efluentes líquidos e preto de 20.000 toneladas de dixestato sólido sen tratamento específico.
 As instalacións situaríanse a menos de 300 metros de núcleos de poboación, cun impacto acreditado en termos de ruído e cheiros.
 O proxecto prevé unicamente un máximo de 10 empregos directos, polo que o beneficio económico para a comarca é mínimo en relación ao seu impacto.

A estas características engádese a ausencia dunha normativa específica en Galiza que regule a implantación e o funcionamento das plantas de biogás e o réxime xurídico do dixestato producido, o que xera inseguridade xurídica e ambiental para as comunidades afectadas.

A veciñanza da Laracha e da contorna expresou publicamente a súa preocupación pola desvalorización das propiedades, o impacto nos recursos hídricos e na calidade do aire, a incerteza sobre o destino das augas residuais e a posibilidade de que este proxecto abra a porta a futuras macroinfraestructuras similares na comarca.

Por todo isto, as deputadas e deputados da corporación acordamos Primeiro.

Manifestar a oposición ao proxecto de planta de biogás promovido pola empresa Aratel no lugar de Vista Alegre, parroquia de Soandres, no concello da Laracha, na súa configuración actual, polas graves afectacións ambientais, paisaxísticas, hídricas e sociais que presenta.

Segundo.

Instar á Xunta de Galiza a non declarar o proxecto de interese estratéxico nin aplicarlle ningunha figura de aceleración de trámites, en tanto subsistan as dúbidas sobre a súa localización, o seu impacto ambiental e o modelo de negocio que o sustenta.

Terceiro.

Instar á Xunta de Galiza á elaboración inmediata dunha normativa reguladora da implantación e funcionamento das plantas de biogás en Galiza, en líña co lexislado por outras comunidades autónomas, e a que, mentres esa normativa non entre en vigor, que se estuden as posibilidades legais para a posíbel suspensión da tramitación adminitrativa.

Cuarto.

Mostrar o apoio desta Corporación Provincial á veciñanza de A Laracha e reiterar o compromiso da Deputación da Coruña coa protección do territorio rural, dos recursos naturais e da calidade de vida das persoas que habitan os concellos da provincia.

Quinto.

Trasladar esta Declaración Institucional ao Goberno da Xunta de Galiza, ao Parlamento de Galiza, ao Concello de A Laracha e ás asociacións veciñais afectadas polo proxecto.

Deja un comentario