Wednesday 29 de April de 2026

Unha mostra interactiva exalta o legado do inventor e enxeñeiro Nikola Tesla no Parrote


A exposición, que contén distintos módulos electromecánicos e experimentos, estará aberta ao público ata o 10 de xuño

O Paseo do Parrote acolle desde hoxe a mostra ‘Nikola Tesla. O xenio da electricidade moderna’, unha exposición organizada pola Fundación La Caixa e o Concello da Coruña. O Concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, participou no acto de apertura.

Esta mostra percorre a traxectoria do extraordinario inventor e enxeñeiro Nikola Tesla, unha das mentes máis brillantes de todos os tempos, a pesar das dificultades que afrontou durante a súa vida. Admirado por uns e envexado por outros, Tesla non só foi un dos maiores visionarios do século XIX, tamén un pioneiro da tecnoloxía moderna e unha figura clave na historia da ciencia.

“A divulgación é clave para a nosa alcaldesa, Inés Rey, que promove numerosas iniciativas desde diferentes áreas de Goberno para dar a coñecer á cidadanía grandes fitos científicos e personaxes da importancia de Tesla”, indicou o concelleiro. Presentada por primeira vez en España en colaboración co Nikola Tesla Museum de Belgrado, a exposición inclúe diversos módulos electromecánicos e experimentos espectaculares que permitirán aos alumnos observar en funcionamento algúns dos seus inventos máis icónicos e comprender, de forma didáctica e participativa, a física que os fai posibles.

Ofrécense, ademais, visitas guiadas adaptadas a nivel educativo de alumnado. Para visitar a exposición cos centros educativos, hai que chamar ao teléfono 900 801 137 (información e reservas). Esta actividade é gratuíta.

Deja un comentario