Wednesday 29 de April de 2026

O Corufest 2026 reivindica a diversidade LGTBIQ+ na Coruña baixo o lema “Unha cidade que acolle, unha cultura que transforma”


O festival programa a súa novena edición do 6 ao 17 de maio cunha ampla variedade de propostas culturais e artísticas de teatro, danza, encontros e literatura

Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual máis importante do Noroeste, celebra este ano a súa novena edición entre os vindeiros días 6 e 17 de maio cunha ampla variedade de actividades culturais e artísticas que achegarán á Coruña a diversidade, a identidade e a memoria para construír unha cidade máis aberta, máis diversa e máis consciente do valor das diferenzas como motor cultural e social.

As entradas para os espectáculos están xa dispoñibles a través de Ataquilla.

A programación foi presentada este mércores pola alcaldesa, Inés Rey, e Xosé Leis, director do certame xunto a Gustavo del Río. Baixo o lema “Unha cidade que acolle, unha cultura que transforma”, o Corufest 2026 pon en marcha unha engrenaxe de creación e pensamento que o converte nun festival singular e único no Estado español. A súa natureza transversal conecta disciplinas como a danza e o teatro con procesos de memoria e mediación, configurando unha aposta coruñesa que sitúa a diversidade e a identidade como eixes de transformación social. É, en definitiva, un ecosistema plural que proxecta a imaxe dunha cidade aberta que lidera a construción de novos relatos culturais. “A Coruña é unha cidade diversa e aberta. E dende o Concello queremos que esa esencia se abra tamén aos nosos espazos municipais, con múltiples actuacións e actividades que no marco do CoruFest encherán teatros e auditorios”, sinalou a alcaldesa.

O festival desenvolverá a súa programación en diversas sedes da cidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, co fin de promover, un ano máis, a reflexión e o debate. Farao en diálogo coa cidade, activando espazos públicos como o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, o Centro Ágora ou a Casa Museo Casares Quiroga, e tamén alianzas co tecido privado a través de espazos como Galgo Azul. Esta rede permite que Corufest non sexa só un evento, senón unha experiencia expandida que atravesa o urbano e conecta comunidades diversas.

O Corufest 2026 abrirá a súa programación o mércores 6 de maio ás 20.30 horas no Teatro Colón, co concerto do actor e creador galego Xoán Fórneas, Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Protagonista, que presentará o seu primeiro proxecto musical baixo o nome artístico O Xoán, que combina escena e creación sonora. A súa proposta parte da tradición e da voz para dialogar con linguaxes contemporáneas, xerando atmosferas performativas entre a raíz e a experimentación.

Ao día seguinte, o xoves 7 de maio, a biblioteca municipal do Centro Ágora acollerá ás 19.30 horas a entrega do Recoñecemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, que este ano recaerá en Boti García Rodrigo, figura clave na historia do movemento LGTBIQ+ español. A súa traxectoria, iniciada no activismo e desenvolvida tamén no ámbito institucional, contribuíu de xeito decisivo á conquista de dereitos, á visibilidade e á construción dun marco de igualdade no que hoxe habitamos.

Tras a entrega do recoñecemento, terá lugar o encontro ‘Escritas desbordadas: Narrar o que incomoda’, un espazo de reflexión sobre a escritura como territorio de ruptura, onde a palabra se expande máis alá do normativo para falar de identidade, corpo e conflito. O encontro contará coa presenza de Daniel Amarelo, Nee Barros e Alva Lourenço, coordinadores da ‘Guia de linguagem não binária’; Andrea Nunes e Leticia Citoula, coordinadoras de ‘Razóns de peso’ e Miguel Calvo Marques, autor de ‘As esquinas’ (Premio Pinto e Maragota 2026).

O festival conta un ano máis co apoio do programa TRC Danza, que traerá o venres día 8 ao Teatro Rosalía de Castro o espectáculo ‘Orgía’, ás 20.30 horas, unha peza de danza contemporánea que explora o corpo como espazo de encontro, identidade e transformación.

A proposta parte dunha investigación física intensa onde o movemento se constrúe desde a vulnerabilidade, o desexo e a relación co outro.
O Centro Cívico dos Mallos será o escenario o sábado día 9 ás 20.30 h da obra ‘Manual para follarse a un macho con vagina’, con entrada libre. Unha peza que, a través do humor, a ironía e a experiencia persoal, aborda a construción da masculinidade desde unha perspectiva trans. Entre o íntimo e o político, a obra transita entre a confesión, a crítica e a celebración para reivindicar a multiplicidade de experiencias trans e a necesidade de facelas visibles.

A programación do Corufest traerá este ano a diversidade LGTBIQ+ aos máis novos coa peza teatral ‘Manual básico de lengua de signos para romper corazones’, de Roberto Pérez Toledo, que aborda o amor, a comunicación e a diversidade funcional a través da relación entre un home xordo e un oínte. A obra terá lugar o mércores 13 de maio no Teatro Colón (12.00 horas) cunha función programada para centros escolares e entidades sociais grazas á Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, a obra abrirase ao público xeral cunha función no mesmo escenario.

O festival trasládase de novo ao Teatro Rosalía o xoves 14 de maio ás 20.30 horas coa peza escénica ‘Caballito de mar’ de Pau Coya, que combina corpo e palabra para abordar a experiencia dun home trans embarazado. O seu autor estará tamén o sábado 16 de maio no Galgo Azul nun encontro co público que terá lugar ás 12.30 horas.

Tamén o Galgo Azul acollerá, o día anterior, venres 15 ás 18.00 horas, un encontro sobre Dereitos culturais e identidade LGTBIQ+. A xornada contará coa participación de creadoras, autoras, activistas e axentes institucionais vinculados ao ámbito da diversidade afectivosexual e os dereitos culturais.

A danza regresa o sábado día 16 ao Centro Ágora ás 20.30 horas con ‘Nik·Eu 2.0’, a última produción do proxecto iXa, unha peza contemporánea que afonda na construción da identidade desde o corpo, explorando as tensións entre o eu íntimo e a imaxe proxectada cara ao exterior.

O festival chegará ao seu fin o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. O Galgo Azul acollerá a partir das 12.30 horas un encontro co escritor, profesor e activista galego Ismael Ramos, unha das voces máis fulgurantes e internacionais da nosa literatura, recente gañador do prestixioso Premio O. Henry (sendo o primeiro autor español en conseguir este galardón).

Sergio Marey recupera a figura de ‘Trini’

A Casa Museo Casares Quiroga acollerá ata finais de mes a exposición ‘Maricones y travestis a la calle’, coa que o artista visual galego Sergio Marey recupera a figura da coruñesa Trinidad Falcés (Trini), muller trans represaliada durante o franquismo, para activar unha memoria
histórica silenciada das primeiras loitas pola diversidade afectivo-sexual. A inauguración da mostra terá lugar o martes 12 de maio ás 19.00 horas e contará cunha performance por parte de Sergio Marey..

Laboratorio escénico con Noemí Rodríguez

A actriz, creadora e docente Noemí Rodríguez será a encargada de conducir o laboratorio escénico ‘Drama, Glitter y Revolución’, un dispositivo centrado na exploración do corpo, a palabra e a experiencia persoal como materia de traballo. A través de dinámicas colectivas e exercicios de investigación, o obradoiro propón ferramentas para transformar o vivido en material escénico, abrindo procesos de creación desde o íntimo cara ao colectivo. O obradoiro levarase a cabo os días 13 e 14 de maio no Centro Ágora, con prazas limitadas.

Deja un comentario