Friday 22 de November de 2024

Un grupo multidisciplinar de profesionais da sanidade traballan na elaboración dun procedemento de actuación ante casos de menores transexuais


Esta actuación enmárcase nos obxectivos da Lei 2/14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuai, bisexuais e intersexuais en Galicia

Diferentes profesionais do Servizo Galego de Saúde vén de constituír un grupo de traballo para a elaboración dun procedemento de actuación ante casos de menores transexuais. Trátase dun total de doce profesionais de diferentes disciplinas (endocrinos, pediatras, profesionais médicos de atención primaria, entre outros, coordinados por profesionais de Servizos Centrais) que serán os encargados de elaborar un documento de consenso que sirva como marco de actuación neste eido para todos os centros sanitarios de Galicia.

Este procedemento refire como poboación diana os menores transexuais e pretende a abordaxe de catro grandes obxectivos: a actuación de Atención Primaria e procedementos de derivación, atención endocrinolóxica e todo o relacionado co tratamento hormonal, tratamentos cirúrxicos dirixidos a acomodar as características físicas á identidade sexual, e medidas específicas para garantir a intimidade e privacidade das persoas transexuais no sistema sanitario público.

Marco normativo
Esta actuación está enmarcada na Lei 2/14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuai, bisexuais e intersexuais en Galicia, e tamén na Resolución do 12 de decembro de 2012 do Parlamento Europeo sobre a situación dos dereitos fundamentais na UE e as recomendacións europeas ao respecto.

A Lei galega, no seu capítulo IV de Medidas no ámbito da saúde, especifica que a consellería competente en materia de sanidade garantirá a información sobre homosexualidade, bisexualidade e transexualidade que recolle a OMS a todas as persoas que traballan no ámbito da saúde (art.19), e tamén que garantirá a atención sanitaria, segundo a necesidade e o criterio clínico, das prácticas e para as terapias relacionadas coa transexualidade.