A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe o avance desta actuación que supón un investimento de máis de 740.000 euros e creará no parque novos sendeiros, mobiliario urbano, iluminación, vexetación e espazos deportivos
As obras de mellora e replanificación do parque de Santa Margarida avanzan a bo ritmo tras varios meses de traballos no recinto. O proxecto, cun investimento de máis de 740.000 euros, mellorará un dos espazos verdes máis relevantes da cidade ao traer novo mobiliario, vexetación e áreas de paseo, cunha formulación ideada para aproveitar ao máximo todo o terreo.
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe xunto á concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz, o desenvolvemento dos traballos, que afectan a unha superficie de máis de 78.000 m². As actuacións en execución inclúen a renovación e adaptación dos camiños e sendas e a ampliación e mellora dos equipamentos e mobiliarios —tanto deportivos como de lecer—.
Ademais, incorporouse un novo illote axardinado para realzar a avenida das Ciencias, pavimentada con lastra de granito gris. Tamén se elevaron muros de cachotería para favorecer o desenvolvemento correcto das raíces das árbores lindeiras e evitar futuros danos nos camiños.
“O parque de Santa Margarida é un dos pulmóns da Coruña pero necesitaba unha renovación que puxese en valor o seu conxunto e explotase ao máximo sectores que ata agora non estaban tan ben aproveitados. No novo parque, será aínda máis agradable pasear, facer deporte e xogar cos nenos e nenas”, subliñou a alcaldesa durante a súa visita.
Entre as melloras tamén se atopa un novo circuíto de sendeiros co que se conectarán os diversos espazos de ocio. Renovarase tamén o mobiliario urbano do parque para darlle uniformidade en termos estéticos, con actuacións especialmente centradas nos espazos máis deteriorados, como os merendeiros.
As novas pistas para correr chegarán á área de calistenia que se construirá sobre o espazo deportivo que xa existe ao nordeste do parque. A ampliación da área deportiva realizarase cun elemento tipo gaiola e coa reordenación dos elementos existentes nun espazo máis amplo. Para manter o mesmo sistema do pavimento de madeira, este crecerase de xeito orgánico para que funcione, á súa vez, como área de chegada da pista de correr.
Humanizar, ambientar e revitalizar
A intervención tamén suporá a ampliación da área de xogos infantís próxima ao acceso desde a avenida de Arteixo, onde se sumarán novos equipamentos, o que permitirá ampliar o rango de idades para o seu uso diario. En definitiva, xerarase unha plataforma única que conteña todos os novos elementos e dotarase o conxunto de bancos de descanso. Coa intención de que a actuación se mimetice coa contorna natural, o pavimento é de cortiza de piñeiro. Ademais, os xogos serán de madeira sen tratar, o que dota dun aspecto rústico o conxunto.
“O proxecto segue a premisa de humanizar, ambientar e revitalizar espazos pouco utilizados, especialmente dentro das áreas boscosas, incoporando materiais naturais e respectando sempre a vexetación existente”, apuntou Inés Rey. Ademais, as actuacións inclúen a reposición de árbores danadas ou enfermas e a plantación de novos exemplares para realzar avenidas e camiños, completar aliñacións e revexetar zonas verdes.
O proxecto abranguerá tamén a instalación de novas luminarias para resaltar elementos de interese patrimonial como os hórreos, así como a creación dun estanque na contorna da Rosaleda, integrado nunha nova avenida peonil iluminada e con vistas cara á cidade. A maiores, completarase unha actuación no paseo das Ciencias coa colocación de placas conmemorativas dedicadas a 15 das principais científicas da historia de Galicia, para reivindicr os seus legados desde un espazo público preferente.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.