Aitor Bouza defende a necesidade de construír vivenda en Santiago e esixe á Xunta que asuma a súa responsabilidade con políticas públicas eficaces, pero advirte de que non pode facerse “á costa da veciñanza de Mallou” nin con condicións inxustas para as persoas afectadas.
Os socialistas denuncian que o Goberno de Rueda pretende resolver anos de inacción en materia de vivenda trasladando agora o impacto a un barrio concreto, en lugar de impulsar unha planificación seria e xusta para toda a cidade.
O deputado socialista anuncia que o PSdeG levará o conflito ao Parlamento e garante apoio á veciñanza para evitar que teñan que “padecer esta política de inclemencia do Partido Popular”.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, expresou o respaldo dos socialistas á veciñanza de Mallou tras as informacións coñecidas sobre as expropiacións de parcelas previstas para o desenvolvemento dunha nova zona residencial, que cualifican de inxustas e insuficientes.
Neste sentido, Bouza trasladou o apoio do partido “a todas as veciñas e veciños de Mallou” ante unha situación na que consideran que se está ofrecendo “un prezo de miseria” polas parcelas afectadas, nun contexto no que tamén esixe á Xunta de Rueda ampliar a oferta residencial na cidade con garantías.
O dirixente socialista advertiu de que o problema da vivenda non pode resolverse a calquera prezo e, sobre todo, non pode recaer sobre a veciñanza, subliñando que a Xunta de Rueda non pode construír vivenda “á costa da veciñanza de Mallou”, criticando o modelo do Partido Popular.
Bouza incidiu en que o PSdeG acompañará ás persoas afectadas e manterá unha actitude activa de defensa dos seus dereitos, asegurando que estarán “ao seu carón” e tamén “escoitándoos en todas as súas reivindicacións”, nun momento no que reclaman garantías e transparencia por parte da Xunta.
Ademais, puxo o foco na responsabilidade do Goberno galego e na súa forma de actuar, advertindo de que o que está en xogo é que “os veciños e veciñas de Mallou non sexan os que realmente teñan que padecer esta política de inclemencia do Partido Popular”, criticando que se traslade a carga das decisións públicas a un barrio concreto.
Nesta liña, denunciou que a falta de políticas públicas eficaces en materia de vivenda por parte da Xunta está a provocar situacións como esta, nas que, segundo indicou, “en vez de desenvolver políticas públicas de vivenda” o que se pretende é que “sexan os veciños dun barrio os que costeen a súa neglixente actuación”, cuestionando así o modelo do PP.
O deputado autonómico avanzou tamén que o PSdeG levará esta cuestión ao Parlamento de Galicia para esixir explicacións e medidas inmediatas, e explicou que o obxectivo é garantir “que os dereitos das veciñas e veciños do noso barrio de Mallou non queden desatendidos e desamparados”, fronte ao que consideran unha actuación inxusta da Xunta de Galicia, coa “complicidade tamén aquí en Santiago de Compostela do señor Verea”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.