Parte do sector do mar asistiu á proxección no novo Auditorio municipal
Pasado e presente únense no documental O mar dende dentro: o ourizo que se proxectou na tarde de hoxe, no novo Auditorio municipal, como iniciativa do Concello de Ribeira para dar a coñecer un recurso específico non tan coñecido que se extrae nas Confrarías de Pescadores de Carreira-Aguiño e Ribeira nun plan conxunto de traballo.
Esta peza audiovisual foi producida por Víctor Oujo, quen, ademais de ser creador de contido, pertence ao sector do mar. Ao longo de 20 minutos de metraxe, os espectadores, puideron acompañalo nunha xornada de traballo: dende a colocación do traxe e preparación da embarcación para saír ao mar ata a comercialización do ourizo e como se lle entrega aos compradores.
Polo tanto, nárrase en primeira persoa todo o proceso, ademais de establecer unha comparativa sobre como era antano e hoxe en día, como se revalorizou e como afectou ao prezo e usos do mesmo a través do testemuño dun mariñeiro xubilado, quen é o avó do propio Víctor.
A alcaldesa, María Sampedro, manifestou que “enxalzamos con festas o percebe, a navalla e o polbo, polo que consideramos que tiñamos unha débeda co ourizo que hoxe, en certa medida, salda o Concello de Ribeira”, quen tamén gabou o papel das confrarías “que extraen recursos excepcionais que contribúen a facer Ribeira calidade.” Unha proxección na que, ao seu xuízo, “asistimos ao respecto que ten o sector ao mar, conscientes do privilexio de que a natureza nos brinde estes manxares; produtos que se converten nun medio de vida. En consecuencia, é necesario respectar os seus tempos, o seu ritmo. Porque o mar dános moito. Ribeira é o que é grazas á súa xente, pero tamén a este medio ao que está fortemente vencellada.”
En sentido similar tamén falou o concelleiro do Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, para quen “no documental unimos pasado e presente, amosando tamén o relevo xeracional.” A isto engadiu que “o noso litoral é o noso principal medio de vida. Por iso é preciso que tamén se dea a coñecer como o sector desenvolve o seu traballo de maneira respectuosa e sostible. Somos nós quen se adapta aos tempos do mar. Por iso, seguiremos traballando noutras iniciativas como esta. Porque isto tamén é promocionar o noso litoral.”



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.