• A concelleira non adscrita lembra que xa existe un instrumento urbanístico en vigor desde 2023 que permite mellorar a accesibilidade nas vivendas da contorna da praza de Ultreia
• Pide actuacións urxentes ante o deterioro urbano e os fallos “reincidentes” no subministro de auga
As concelleiras Non Adscritas levarán ao pleno municipal deste xoves unha batería de propostas orientadas a mellorar a calidade de vida no ámbito da praza de Ultreia, cun foco especial na accesibilidade, a renovación das infraestruturas básicas e o mantemento do espazo público.
Así o anunciou este mércores Mercedes Rosón puxo en valor que este ámbito conta xa cunha ferramenta urbanística clave desde o 17 de abril de 2023, data na que se aprobou definitivamente o Estudo de Detalle para a dotación de accesibilidade nos inmobles de vivenda colectiva situados entre as rúas Pastoriza, Espírito Santo e Xoán XXIII. Este documento, explicou, impulsado durante a súa etapa á fronte da concellería de Urbanismo, “nace da constatación dun deterioro xeneralizado das edificacións e dunha práctica ausencia de mantemento, unha situación que tamén se estende aos espazos libres”.
O estudo evidencia ademais importantes carencias en materia de accesibilidade, tanto no espazo público como nas propias edificacións e vivendas, nun ámbito marcado por fortes diferenzas de cota entre rúas como Basquiños, Avenida de Salamanca ou Xoán XXIII, e pola presenza de numerosas escaleiras que dificultan a mobilidade diaria.
Neste contexto, Rosón subliñou que o propio marco normativo, a través do artigo 146 do PXOM, permite actuar sobre as edificacións mantendo as súas características, ao tempo que habilita intervencións de rehabilitación e mellora, como a instalación de elevadores, seguindo criterios xa aplicados noutras áreas de rehabilitación integral. “Dispoñemos da ferramenta necesaria para impulsar un cambio real neste ámbito próximo á Cidade Histórica”, sinalou.
Mantemento, limpeza e canalización da auga
Xunto á accesibilidade, a concelleira incidiu na necesidade de actuar con urxencia sobre a rede de abastecemento de auga, que cualificou de “obsoleta”. As avarías rexistradas, especialmente durante o verán pasado, provocaron cortes prolongados no subministro en múltiples ocasións, unha situación que, advertiu, podería repetirse se non se acomete unha renovación integral das canalizacións.
O estado do espazo público é outro dos eixos das propostas que levará ao Pleno. Rosón reclama un maior esforzo en limpeza viaria, así como un mantemento máis coidado das zonas verdes e parterres, atendendo ás demandas reiteradas da veciñanza.
En materia de mobilidade, a edil recoñeceu como positiva a habilitación de prazas de estacionamento para residentes na rúa Xoán XXIII, pero considera necesario dar un paso máis para facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas maiores. Neste sentido, propón que se valore a creación de tarxetas de residente que permitan acceder en vehículo ao Centro de Saúde de Galeras a través de Xoán XXIII e San Francisco, evitando percorridos máis longos e complexos.
As propostas que se someterán ao pleno este xoves supoñen a continuidade do desenvolvemento do Estudo de Detalle para mellorar a accesibilidade, a elaboración dun proxecto de renovación da rede de auga, o reforzo das tarefas de mantemento urbano e a adopción de medidas que faciliten a mobilidade da veciñanza neste ámbito da cidade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.