Estes novos usuarios sumaranse ás máis de 42.500 persoas que na data actual están sendo atendidas a través do sistema
O Consellería de Política Social anunciou a concesión de 527 propostas de libranzas con atrasos para a prestación de coidados no contorno familiar que está a promover dito departamento autonómico a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Deste xeito, continúase a incorporar progresivamente ao Sistema ás persoas con dereito recoñecido pendentes de atención. Ademais, a Xunta de Galicia recoñece outras 449 libranzas de coidados no contorno familiar sen que corresponda neste caso o recoñecemento de efectos retroactivos. A concesión destas altas leva consigo o recoñecemento dun importe total de 2.336.643,54 euros.
A través desta medida, a Xunta de Galicia dá resposta a 976 novos usuarios que se veñen a unir aos 1.126 novos usuarios que se recoñeceron no pasado mes, e que ata o de agora estaban pendentes de atención a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia, posibilitando a atención adecuada ás persoas solicitantes en base ás súas necesidades actuais, así como da súa situación socioeconómica. Á súa vez, estes novos usuarios sumaranse ás máis de 42.500 persoas que na data actual están sendo atendidas a través do sistema.
Desde o ano 2010, a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolveu un importante esforzo no despregue dunha rede pública de servizos profesionais, tendo en conta que na data do 29 de febreiro de 2016, o 76,07% do total das prestacións recoñecidas o son a través dun servizo profesional. Non obstante, constátase que existe un gran número de persoas solicitantes que seguen a demandar como modalidade de intervención adecuada a prestación económica de coidados no contorno familiar. Neste senso, faise necesario propiciar a atención adecuada ás persoas solicitantes en base ás súas necesidades actuais, ao mesmo tempo que conxugar o impulso á rede de servizos públicos profesionais co disposto no artigo 29 da Lei 39/2006 que sinala a participación da persoa beneficiaria, ou no seu caso da súa familia ou entidades tutelares, no establecemento do programa individual de atención no que se determinarán as modalidades de intervención máis adecuadas ás súas necesidades. Deste xeito, é necesario propiciar a modalidade de intervención adecuada en función das necesidades de atención, así como da súa situación socioeconómica, a través das libranzas de coidados no contorno familiar.
A través de medidas coma esta, a Xunta de Galicia reitera o seu compromiso de continuar incrementando o número de persoas atendidas en 10.000 novos usuarios durante o 2016.