• A redacción do proxecto técnico é a primeira licitación do plan estratéxico “Carballo a man”, cofinanciado pola Unión Europea.
• O obxectivo é transformar o edificio de 1973 nun espazo de consumo case nulo, reducindo o gasto enerxético case nun 50%.
O proceso para a modernización da casa consistorial de Carballo segue a avanzar. Tras o peche do prazo de licitación para a redacción do proxecto técnico, un total de seis empresas e equipos de arquitectura presentaron as súas ofertas para encargarse do deseño da rehabilitación integral do edificio municipal.
Esta actuación supón o punto de partida do Plan de Actuación Integrado Carballo a man, enmarcado na Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL). O programa conta cun investimento total de 10,9 millóns de euros, unha parte dos cales destinarase a converter a sede do Concello nun referente de sustentabilidade e eficiencia.
O proxecto técnico terá como misión principal transformar unha estrutura construída en 1973, cuxa eficiencia enerxética quedou obsoleta. Coas solucións técnicas que se definan, preténdese acadar unha redución do 49,82% no consumo de enerxía primaria non renovable, pasando dos actuais 136,29 kWh/m² ano a tan só 68,39 kWh/m² ano.
As empresas licitadoras deberán propoñer solucións arredor de catro eixes principais: mellora da envolvente, cuberta ecolóxica, enerxías limpas e iluminación LED.
Ademais do reto enerxético, a rehabilitación eliminará as barreiras arquitectónicas existentes para garantir a accesibilidade universal.
Dada a relevancia do edificio como centro operativo do municipio, onde traballan case 120 persoas, o Goberno local subliña que o deseño final será obxecto de consulta co persoal municipal. O obxectivo é que a solución técnica sexa consensuada e mellore a calidade do servizo público que se presta á cidadanía.
Coa avaliación destas seis ofertas, Carballo dá un paso decisivo cara a unha administración máis moderna, verde e próxima, aliñada cos obxectivos europeos de loita contra o cambio climático.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.