Friday 22 de November de 2024

Cultura e Educación celebra o 21 de maio o Día dos Museos no Gaiás cun programa de actividades en torno ao mundo da arte e a moda pensado para gozar en familia


O Museo Centro Gaiás acollerá de 11 a 20 horas un amplo programa lúdico co que aproximarse á cultura galega e partir da moda e o téxtil

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrará o vindeiro 21 de maio o Día dos Museos no Gaiás cun programa de actividades que xirará en torno ao mundo da moda, o téxtil e a arte pensado para gozar de balde e en familia.

O Museo Centro Gaiás trasladará ao sábado 21 de maio a celebración do Día dos Museos, que cada 18 de maio se conmemora en todo o mundo desde 1977 co obxectivo de achegar as institucións culturais á sociedade. Baixo o lema ‘Museos e Paisaxes Culturais’ e no marco da exposición ‘Con-Fío en Galicia’ a Cidade da Cultura convida aos visitantes a aproximarse á cultura galega a partir da moda e o téxtil nunha xornada dedicada á creatividade e á tradición.

Entre as 11 e as 20 horas, o Museo Centro Gaiás ofrecerá a posibilidade de ser artista por un día e fabricar un tecido colectivo, coñecer de primeira man o proceso tradicional da elaboración do liño ou a lá, descubrir de onde vén a seda, facer da roupa usada unha obra de arte, participar nunha ilustración xigante, divertirse cos contos de Montse Rivera ou elaborar as prendas do futuro. Un amplo programa totalmente gratuíto que inclúe visitas especiais á mostra ‘Con-fío en Galicia’, con xogos e actividades pensados para todas as idades. Todas as actividades son de balde e non precisan de inscrición previa.

De 11 a 20 horas
A programación do Día dos Museos estenderase entre as 11 e as 20 horas, cunha parada para xantar de 14 a 16 horas. A maioría das actividades serán en sesión continua como o obradoiro ‘Arte é Moda’, no que todos os visitantes poderán sacar o artista que levan dentro tecendo as súas propias creacións en estruturas nas que deixar a súa impronta.

Durante todo o día, todas as persoas que se acheguen poderán aprender a usar un tear tradicional e confeccionar madexas, pompóns ou minitapices que levar para casa en ‘Tecendo no Museo’; descubrir o proceso de produción da seda, desde a cría e evolución dos vermes ata a confección do fío e as teas en ‘Enredando’; ou participar na creación dun gran mural colectivo da man das ilustradoras galegas Julia Abalde, María Novoa e Rebeca Losada.

A solidariedade tamén estará presente no Día dos Museos a través da actividade ‘Arte e Comparte’, coa que se convida aos participantes nesta xornada a achegar a súa roupa vella. Parte dela cederase a unha ONG para a súa distribución entre a poboación máis necesitada mentres que coa outra se realizará un moisaco colectivo.

En distintas horas do día, o Museo Centro Gaiás contará con obradoiros como ‘Viaxando ao Medievo’, no que ademais de crear as súas propias vestimentas medievais, os participantes aprenderán a bailar diferentes danzas desa época; ou ‘Wereables: a roupa do futuro’, no que confeccionar prendas que incorporan todo tipo de dispositivos que nos fan a vida máis sinxela.

A xornada complétase cunha exhibición de palilleiras e ‘Cóntoche un traxe’ de Montse Rivera, no que grandes e pequenos descubrirán a través desta narración interactiva como vestían os nosos antepasados.

Percorridos didácticos a Con-Fío en Galicia
A mostra ‘Con-Fío en Galicia’ será a protagonista indiscutible deste Día dos Museos, podendo visitala de balde de 10 a 20 horas. Ademais, organizaranse dúas visitas familiares nas que máis aló de descubrir a exposición, grandes e pequenos divertiranse acompañados de Fi, a mascota da exposición, xogando a modistas e xastres ou facendo unha viaxe no tempo para descubrir como se vestía en cada época da nosa Historia.

Como todas as fins de semana, ‘Con-Fío en Galicia’ contará coas dúas visitas guiadas regulares, ás 12:30 e ás 18:30 horas para todo aquel que queira achegarse ao mundo da moda e o téxtil a través das anécdotas e curiosidades das que son coñecedores os guías da Cidade da Cultura.