• É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.
• O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.
O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos, titulado ‘Porcelana e chumbo’, ven de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre. O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.
Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar ‘Porcelana e chumbo’ pola súa voz elixíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un poemario a dúas voces.
O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto.
O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, ‘Especies invasoras’, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.
Os autores
Baldo Ramos (Celanova, 1971), que xa obtivera este premio na súa quinta edición, é poeta e artista plástico. A súa obra poética compóñena unha vintena de libros, entre os que detacan, A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020). Recibiu os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e ten sido accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.
A súa obra poética aparece en antoloxías como Enfocarte (ed. Teresa Seara, 2002), Poetas en blanco y negro (ed. Amalia Iglesias Senra, Madrid, 2006),Veinte puntos de fuga (ed. Teresa Seara, Caracas, 2011), Antoloxía de referencia (ed. Carlos Arias-Mariña Pérez Rei, Santiago, 2012), Novas de poesía. 17 poetas (ed. Ana Gorría, Lugo, 2013) ou Migrant Shores, (ed. Manuela Palacios, Salmon Poetry, County Clare-Ireland, 2017).
A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en diferentes galerías, museos e feiras de arte de todo Estado.
Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo (Comunidade de Madrid) en 1972, é unha escritora, tradutora e ilustradora española en lingua galega. Entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede. Participou nos cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, organizados polo Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega. En 2019 instalouse en Lugo e matriculouse na USC no Mestrado en Dirección de Actividades Educativas da Natureza. En 2020 gañou a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.