O BNG acompaña á veciñanza e reclama medidas que atallen o deterioro da Sanidade Pública
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, xunto a veciños e veciñas da comarca, continúa co encerro no hospital comarcal, que xa suma sete días de mobilización contíua, día e noite, en demanda de melloras urxentes no servizo galego de saúde.
Hoxe, a protesta consistiu no “enterro da sanidade pública”, co que se quixo visibilizar a preocupación social polo deterioro da atención sanitaria e as consecuencias que están a ter os recortes e a falta de recursos. Os portavoces, Balbino González e Luí Pérez, xunto con membros da organización nacionalista sumáronse a apoiar aos veciños e veciñas.
O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, destacou que “esta mobilización é un exemplo do compromiso da veciñanza coa defensa dun dereito fundamental como é a sanidade pública”. Pérez subliñou que “as reivindicacións son xustas e necesarias: máis transparencia, redución das listas de espera e o incremento de profesionais sanitarios para garantir unha atención digna e de calidade”.
Ademais, incidiu en que “non é asumible que haxa persoas agardando durante meses ou mesmo anos por probas diagnósticas ou consultas con especialistas, unha situación que obriga en moitos casos a recorrer á sanidade privada”.
Desde o Bloque Nacionalista Galego reiteran a súa demanda de que o conselleiro de Sanidade e o xerente da área sanitaria reciban ás persoas mobilizadas para escoitar de primeira man as súas queixas e propostas. “Hai que adoptar medidas para atallar unhas listas de espera que están a provocar situacións moi graves”, afirmou Pérez Barral.
O portavoz tamén sinalou que “o que hoxe se simbolizou con este enterro é a necesidade de reaccionar a tempo para fortalecer a sanidade pública”.
Finalmente, Luís Pérez agradeceu o traballo de toda a veciñanza e dos membros da Plataforma polo labor tan importante que fan para conseguir melloras na Sanidade e comprometeu seguir ao lado da xente: “Estaremos ao lado da xente, nas rúas e nas institucións, impulsando iniciativas no Parlamento e onde sexa preciso para que se doten os recursos necesarios e se garanta unha atención sanitaria digna para toda a veciñanza.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.