Tuesday 28 de April de 2026

O porto deportivo de Ortigueira mellora as súas instalacións coa renovación das torretas de subministración


Instaláronse 12 novas torretas que permiten dotar de servizos básico ás 130 prazas de embarcacións coas que conta o porto.

O Concello de Ortigueira anuncia a finalización dos traballos de mellora nas instalacións do porto deportivo, onde Portos de Galicia procedeu á instalación de doce novas torretas de subministración de auga e electricidade. Esta actuación concluíu esta mesma semana.

A intervención permitiu dotar de servizos básicos ás 130 prazas para embarcacións de recreo coas que conta actualmente o porto de Ortigueira. Con esta renovación dáse cumprimento a unha demanda trasladada polo propio Concello e polos usuarios habituais dos pantaláns, quen solicitaba unha modernización dos sistemas para ofrecer un mellor servizo.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou que “estes traballos son unha mostra do compromiso institucional por manter unhas instalacións de primeiro nivel que non só benefician aos veciños, senón que tamén potencian o atractivo turístico e náutico da vila”.

Calvín sinalou que a culminación destas tarefas representa un paso adiante moi importante para o porto deportivo posto que, segundo as súas palabras, “grazas a este investimento ofrécese unha resposta aos usuarios dos pantaláns que agora contan cunhas instalacións moito mellores”.

O investimento total desta actuación ascendeu a 15.000 euros.

Deja un comentario